Se celebrará en outubro no Pazo da Cultura, cunha serie de conferencias relacionadas coa sostenibilidade, o turismo e o medioambiente
Narón, 6 de Maio de 2013.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, o Concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, e a Concelleira de Turismo, María Rodríguez Porto, mantiveron hoxe unha reunión de traballo coa directiva da Asociación Galega de Autocaravanas. Asistiron o seu presidente, Jorge Ferreiro, e o secretario da asociación, Francisco Pena.
O obxecto desta primeira xuntanza foi a preparación do 2º Congreso Galaico-Astur de Autocaravanismo, que se celebrará no Pazo da Cultura de Narón no mes de outubro, organizado pola Asociación Galega de Autocaravanas. O programa deste congreso consistirá nunha serie de conferencias sobre sostenibilidade, turismo e medioambiente en relación co mundo das autocaravanas.
Cabe destacar que o municipio de Narón é un dos poucos de Galicia (existen catro en total) que dispón de dúas áreas de servizo para autocaravanas: unha no polígono de Río do Pozo –xunto ás instalacións de Protección Civil- e outra na área recreativa de Pedroso.