A clausura e entrega de premios tivo lugar hoxe cunha gala celebrada no Auditorio Municipal.
Narón, 14 de Maio de 2013.- O Auditorio Municipal de Narón acolleu hoxe a clausura do XXIV Certame Intercentros, no que participaron preto de 2.550 escolares dos centros de ensino público de Narón –de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos-.
Cada centro educativo asistiu á gala do Intercentros cunha representación aproximada de 35 nenos/as. Este ano o centro organizador foi o Colexio Rural Agrupado (CRA) de Narón, e o autor homenaxeado foi o escritor Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle adican as Letras Galegas 2013.
O Certame Intercentros premia os mellores traballos en lingua galega, en sete categorías, adaptadas ós distintos ciclos de ensinanza. En total, entregáronse 40 premios nas seguintes modalidades:
-Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria: murais e expresión oral.
-2º ciclo de Primaria: conto ilustrado e expresión oral.
-3º ciclo de Primaria: conto, cómic e expresión oral.
-ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos: narrativa, cómic, reportaxe radiofónica e xornalística, poesía, teatro escrito e expresión oral.
A temática de todos estes traballos estivo relacionada coa realidade cultural galega.
Ademáis, o Alcalde de Narón entregou unha mención especial á Asociación Graos de Luz (da rexión brasileña de LenÇois) coa que colabora a ONG Lena.
José Manuel Blanco felicitou ós premiados, sen esquecer ós que non foron agasallados. “Quero felicitar a tódolos participantes, porque é importante gañar pero aínda é máis importante ter participado. E quero agradecer tamén ós máis de 40 pais e nais que teñen colaborado para poder desenvolver este concurso”, indicou. O Alcalde finalizou expresando o seu apoio incondicional “á ensinanza pública, especialmente agora nestos tempos nos que só vemos recortes. Dende o Concello de Narón seguiremos apostando por este modelo de ensinaza pública”; indicou o rexedor naronés.
A gala do Certame Intercentros contou tamén cunha actuación teatral a cargo do grupo teatral ‘O Aturuxo de Melpómene’, saído da Escola de Teatro de Narón. O vindeiro ano, a organización do XXV Certame Intercentros recaerá no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Ponte de Xuvia.