O CONCELLO REÚNE E DIFUNDE PARTE DO PATRIMONIO CULTURAL GALEGO NO LIBRO 'O NOBELO DO TEMPO'
Trátase dunha recopilación de literatura oral popular, feita coas aportacións dos veciños/as de Narón.
Narón, 28 de Novembro de 2013.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Educación de Narón, Mª del Carmen Espada, presentaron hoxe en rolda de prensa o libro “O nobelo do tempo en Narón”. Trátase dun proxecto de recollida, difusión e reelaboración de literatura oral popular, elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón (servizo subvencionado pola Deputación de A Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística).
O obxectivo deste libro é dar a coñecer parte do patrimonio cultural galego á xente máis nova, a través de elementos propios da cultura popular tales como adiviñas, panxoliñas, nanas, contos, lendas ou refráns.
A recolleita dese patrimonio oral realizouse entre os meses de marzo e setembro, grazas á colaboración de persoas que participan nos talleres de memoria realizados en distintas parroquias do municipio (Sedes, Castro, Doso, Freixeiro, Piñeiros, ou Ferrerías), no Centro Manuela Pérez Sequeiros e na Fundación Terra de Trasancos do Val. Tamén contribuíron numerosas persoas da Asociación Cultural Areosa (Piñeiros), da Asociación da Terceira Idade de Pedroso, e da Asociación de Veciños de A Gándara.
Parte do material recollido colgouse no blog “O nobelo do tempo en Narón” que se pode consultar no enderezo http://ntnaron.wordpress.com . Ademáis, o Concello de Narón editou un total de 150 exemplares deste libro (de 71 páxinas) que non estará á venta pero sí estará disponible para lectura e préstamo na Biblioteca Municipal do Alto. Ademáis, enviaranse exemplares ós centros de ensino do municipio, co fin de que os estudiantes poidan coñecer o patrimonio oral galego.
Na presentación de hoxe estiveron presentes algunas das persoas que teñen colaborado cos seus testimonios na elaboración deste libro. O Alcalde, José Manuel Blanco, agradeceulles a súa adicación e asegurou que “recuperar as historias dun pobo é algo fundamental para perpetuar a cultura propia”.