Persoal do Consistorio, veciños e veciñas concentráronse para condenar os actos terroristas e en solidariedade coas vítimas
Narón, 23 de marzo de 2016. O Concello de Narón gardou un minuto de silencio en sinal de condena dos atentados rexistrados o 22 de marzo no aeroporto de Zaventem e na estación de metro de Maelbeek, en Bruxelas, que causaron a morte de dunha trintena de persoas e nos que resultaron feridas outras duascentas cincuenta. O alcalde, José Manuel Blanco, presidiu a convocatoria en repulsa polos actos terroristas rexistrados na capital belga, en recordo das vítimas e como mostra de solidariedade cos seus familiares e amigos. Persoal dos grupos políticos da corporación local, funcionarios, interinos e veciños e veciñas da localidade sumáronse a este acto, que tivo lugar ás doce do mediodía na porta principal do Concello.
Así mesmo, as bandeiras da Casa Consistorial ondearán a media hasta ata o vindeiro luns, día 28, en sinal de dó polas vítimas dos atentados.