O CONCELLO ABRIU HOXE O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS FINANCIEIRAS DE EMERXENCIA PARA COMEDOR E MATERIAL ESCOLAR
As solicitudes poden presentarse no Rexistro xeral do Concello ou través da Sede Electrónica de Narón
Narón, 6 de setembro de 2022. O Concello abriu hoxe o prazo de solicitude de axudas financieiras de emerxencia para comedor e material escolar. As de comedor teñen como obxecto sufragar os custos de comedor escolar nos centros educativos concertados do Concello e as de material escolar o de facilitar o acceso a este material ás familias con fillas e/ou fillos matriculados en segundo ciclo de Infantil, educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Secundaria de Adultos. En ambos casos poderán solicitarse ata o 30 de abril do curso corrente e concederanse en función da renda da unidade de convivencia. Así mesmo, no caso dos vindeiros cursos escolares as solicitudes poderán presentarse a partir do 1 de xullo de cada ano ata o 30 de abril do curso corrente.
As solicitudes poden entregarse conforme ao modelo do Concello no Rexistro Xeral –de luns a venres entre as 8.30 e as 13.00 horas-, na Sede Electrónica ou por calquera outro medio previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As persoas interesadas en solicitar máis poden dirixirse ao Rexistro Xeral de entrada do Concello ou ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar.