Representantes municipais doaron sangue hoxe, para colaborar nesta campaña
Narón, 5 de Agosto de 2009.- O Alcalde de Narón, Jose Manuel Blanco, e as concelleiras de Sanidade, Mª del Carmen Espada, e Feiras e Mercados, Mª del Mar Gómez, acudiron hoxe á unidade movil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), para colaborar na campaña de doazón de sangue desenvolvida baixo o lema “Este verán salva vidas. Comparte Saúde. Doa sangue”.
A unidade móvil do CTG estará hoxe 5 de agosto frente ó Centro de Saúde (no Alto do Castiñeiro) de 9.30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas. Tamén estará o xoves 6 de agosto diante da Asociación de Veciños de A Solaina (Santa Icía) no mesmo horario sinalado anteriormente.
Tal e como apuntou a edil de Sanidade, precísanse 1.600 doazóns de sangue por parte de veciños/as de Narón, para poder cubrir as necesidades recomendadas pola Organización Mundial da Saúde, en base ó número de habitantes de cada municipio. Así, no 2008 acadáronse neste concello 866 doazóns, o que se traduce nun índice de 27 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.
Para animar ós naroneses a doar sangue, o Concello remitiu perto de 3.000 cartas informativas para animar á poboación a participar neste xesto altruista. “Este é un gran paso para axudar ás persoas que o precisan porque ademáis tamén é beneficioso para a saúde dos doantes. Hoxe podémolo facer por outras persoas, mañá ó mellor podemos necesitalo nos mesmos”, declarou Mª del Carmen Espada.
A responsable de Comunicación do CTG, Angeles Pazos, explicou que a doazón de sangue é unha necesidade constante xa que non pode fabricarse de xeito artificial. “Precisamos ó redor de 44.000 doazóns de sangue nos meses de verán para cubrir todas as necesidades en Galicia, especialmente na época estival debido ós accidentes de tráfico”, concluíu.