A Casa da Mocidade acollerá actividades simultáneas no marco do proxecto "Eu sumo, historias para un mundo cheo de diversidade"
Narón, 9 de decembro de 2021. O Concello de Narón conmemora o Día dos Dereitos Humanos que se celebra mañá, 10 de decembro, cunha serie de actividades simultáneas no marco do proxecto “Eu sumo, historias para un mundo cheo de diversidade”.
A concelleira de Benestar Social, Catalina García, recordou que desde as 10.00.horas, nas instalacións municipais da Casa da Mocidade da Gándara terán lugar as actividades seguintes:
Construción dun mosaico colectivo. Poderán participar grupos ou persoas interesadas en realizar un traballo común para mellorar a estética da casa da Mocidade dando maior visibilidade á conmemoración desa xornada polos Dereitos Humanos.
Máis aló dun photocall. Contaremos cun photocall para invitar á cidadanía a realizarse unha fotografía e compartila nas redes sociais cos cancelos de #eusumo ou #naronsuma, para xerar a reflexión e apoio a un mundo cheo de Diversidade.
García animou á poboación a achegarse á Casa da Mocidade e participar nestas actividades. Neste proxecto colaboran as seguintes entidades: AXF, CHAMORRO, COGAMI, TEIMA, ASPANEPS, ASPANAES, ALCER, AFFINOR, ASCM Narón e Movilidad Humana.