A ALCALDESA COMPROMETE A MEDIACIÓN DO CONCELLO PARA QUE OS RESPONSABLES DE LIDL E O COMITÉ DE EMPRESA RETOMEN AS NEGOCIACIÓNS
Marián Ferreiro comprometeuse a realizar as xestións oportunas para que ambas partes poidan chegar a un acordo satisfactorio
Narón, 17 de febreiro de 2023. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta tarde, ás 18.00 horas, unha reunión con Marcos Clavero e Hugo Fernández, presidente e secretario, respectivamente, do Comité de Empresa do Centro Loxístico de Lidl en Río do Pozo. Na xuntanza estiveron tamén presentes os voceiros do PSOE, David Pita; PP, Germán Castrillon, e BNG, Olaia Ledo, así como o edil de Terra Galega Ibán Santalla.
Os representantes da corporación local escoitaron as reivindicacións trasladadas dende o Comité de Empresa de Lidl. O persoal da compañía iniciou unha folga indefinida o pasado 14 de febreiro para reclamar o cumprimento do convenio colectivo e denunciar a “sobrecarga de traballo” na empresa, donde traballan unhas 150 persoas en varias quendas. “Queremos agradecer ao Concello que nos recibise e escoitase a nosa situación”, asegurou Hugo Fernández, que incidiu en que ante os políticos locais “reafirmámonos no que dixemos dende o inicio desta folga”.
Dende o Comité de Empresa de Lidl subliñaron que “queremos negociar coa empresa, falar cos responsables e que nos escoiten para tratar de achegar posturas porque para ninguén é favorable esta situación”.
A alcaldesa da cidade comprometeuse a realizar as xestións oportunas para intermediar entre as partes “e que poidan sentarse a analizar a situación e chegar a un acordo que sexa satisfactorio para os traballadores e traballadoras e tamén para a empresa”.