Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PSOE ROMPE O PACTO DE GOBERNO "SEN MOTIVO OBXECTIVO E OBRIGADO POLA DIRECCIÓN DO PARTIDO"
Os edís socialistas David Pita, Catalina García e Santiago Galego deixan de formar parte do bipartito naronés
Narón, 3 de abril de 2023. Os concelleiros socialistas David Pita e Catalina García, anunciaron esta mañá que o grupo municipal socialista deixa de formar parte dende hoxe do goberno local de Narón “acatando o mandato dos órganos superiores”, tal e como posteriormente confirmaron a través do Rexistro municipal. O voceiro do partido na cidade, David Pita, recordou o procedemento que os levou a tomar a decisión, explicando que hai dez días recibiu un burofax no que dende o PSOE provincial e rexional os instaban a saír do goberno nun prazo máximo de dez días para evitar “as medidas disciplinarias oportunas recollidas polos estatutos do partido baixo a batuta da dirección provincial e nacional e co visto bo da Comisión Federal”. Pita asegurou que “cremos na militancia, na agrupación e na democracia interna e por iso estamos aquí” A continuación tomou a palabra Catalina García, que excusou a ausencia no acto de hoxe do tamén edil socialista Santiago Galego debido a motivos de saúde. “Eu sempre dixen que a min non me gustaban os teatros e levo no goberno de Narón dende 2011 e cando tiven que votar en contra nalgunha cuestión na que estaba en contra de Terra Galega sempre o fixen, fiel aos principios do PSOE e aos valores que se me inculcaron”, apuntou. Así mesmo, incidiu en que “a estas alturas, a un día do inicio da campaña electoral, non me parece de recibo que dende as direccións do partido se teña tomado esta determinación a petición do candidato do PSOE que se presentará a estas eleccións, porque creo que unha persoa que se presenta ten que ter capacidade suficiente e formación máis que dabondo para facer unha campaña sen ter que facer esta representación teatral. García recalcou que “non hai motivo obxectivo para saír do goberno de Narón, saímos obrigados porque así nolo manda a dirección, e non estamos dacordo pero acatámolo porque somos xente de partido”. Antes de rematar a súa intervención García defendeu o traballo realizado polos edís socialistas na cidade e agradeceu o labor de Pita á fronte do partido e lamentou a falta de apoio e medios que tiveron dende 2011 por parte do PSOE. Agradeceron o apoio da cidadanía naronesa en xeral e en particular da militancia polo seu traballo e comprensión e “por ter acatado que lles privasen das primarias, da democracia interna que vai no PSOE e da que se fala en todos os actos do partido socialista”. Dende o goberno local, que integrarán agora os dez edís de Terra Galega, procederase a realizar unha reestructuración das áreas de goberno que ostentaban ata hoxe os tres edís socialistas da cidade, con delegacións permanentes ou puntuais de: Promoción e Xestión de Polígonos Industriais, Promoción Económica e Infraestruturas Públicas, Participación Cidadá, Benestar Social, Sanidade, Medio Ambiente e Feiras e Mercados.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal