Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO LICITA EN 345.000 EUROS AS OBRAS DE RESTAURACIÓN E REHABILITACIÓN DA PRESA DO MUÍÑO DAS ACEAS E DO CAMIÑO DO PEREGRINO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, informou que as empresas interesadas nos traballos poden presentar ofertas ata o 3 de maio
Narón, 17 de abril de 2023. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, informou sobre a licitación das obras de restauración e rehabilitación da presa do muíño das Aceas e do Camiño do Peregrino, orzamentadas en 345.333 euros. Trátase dunha actuación que se cofinanciará ata nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen de prazo ata o vindeiro 3 de maio, tal e como figura no procedemento en curso, dispoñible na Plataforma de Contratación do Sector Público. A materialización do proxecto permitirá recuperar e poñer en valor a presa deste muíño de mareas, propiedade municipal dende o pasado ano e construido por Santiago Beaujardín e Juan Lembeye. “As obras que se acometerán inicialmente son as de consolidación para posteriormente centrarnos na restauración e rehabilitación do conxunto de edificios que o integran”, apuntou a alcaldesa. O acceso ao muíño é a través dun vial que coroa a presa e continúa polo Camiño do Peregrino, polo que entraba o grao que se moía no muíño e saía xa como fariña pola estrada de Castela. Neste muíño conflúen o Camiño Inglés a Santiago de Compostela e o de Santo André de Teixido, que coincide co Camiño do Peregrino. Estes feitos, tal e como consta no proxecto, incrementan considerablemente o valor cultural e como recurso turístico do conxunto, actualmente enmarcado na liña de axudas europeas para Turismo activo na ría. En canto ao Camiño do Peregrino, o obxecto da actuación aposta pola posta en valor dese vial que parte da marxe dereita da estrada de Castela e proporciona acceso ao paseo do borde litoral do estuario do río Freixeiro e tamén á presa do muíño de mareas das Aceas. A superficie sobre a que se actuará supera os 1.500 metros cadrados, tal e como figura neste proxecto.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal