Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DESTINARÁ UNS 650.000 EUROS DO POS+ A AMPLIAR AS INSTALACIÓNS DO SPEIS NO POLÍGONO DE RÍO DO POZO
Na sesión plenaria aprobáronse por unanimidade os festivos locais de 2024, o 13 de febreiro e o 24 de xuño
Narón, 28 de setembro de 2023. A corporación local aprobou no pleno desta mañá cos votos favorables de TEGA, PSOE e PP un investimento de 1.038.359 euros do POS+ Adicional da Deputación da Coruña en catro actuacións. Así o indicou o voceiro de TEGA, Román Romero, explicando que un total de 648.317 euros da partida global se destinarán a ampliar o edificio do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón, ubicado no polígono de Río do Pozo. A mellora destas instalacións é un dos compromisos adquiridos dende Terra Galega para o actual mandato, co fin de “acondicionar o edificio ás actuais necesidades, incrementadas ao tempo que se foron ampliando equipamentos e vehículos do servizo nos últimos anos”. Do resto de contías desa partida global, tal e como se aprobou no pleno, 191.149 euros destinaranse ao acondicionamento de beirarrúas e aparcamento na avenida Castelao e na avenida do Mar, na zona da Gándara; 164.359 a instalar tubarías de saneamento e abastecemento no vial de acceso ao convento de Baltar, na parroquia do Val, e os 34.649 euros restantes a pavimentar a rúa Finca Herrera. No transcurso da sesión aprobouse por unanimidade a creación do Sistema interno de información do Concello de Narón, o que implica iniciar o expediente para implantar ese sistema segundo o establecido na lei reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas de loita contra a corrupción, habilitando unha canle interna de información onde recibir esa información que estará operativo dende a Sede Electrónica do Concello de Narón e nomear a un técnico responsable da xestión do sistema interno de información. Os servizos municipais realizarán os estudos, informes e trámites que fosen necesarios para tomar decisión que posibiliten o desenvolvemento do sistema segundo indica a normativa. Outro dos asuntos aprobados no pleno por unanimidade foi a política de seguridade da información do Concello, incluída no proxecto de adaptación ao Esquema Nacional de Seguridade. O Concello solicitou unha subvención do programa de fondos europeos EDUSI para a “implantación do servizo de directorio activo corporativo, monitorización e ENS”, que se cofinanciará ata nun 80% con eses fondos da UE. O investimento a realizar supera os 55.500 euros e permitirá que Narón sexa un dos concellos de Galicia pioneiros na súa implantación. Os festivos locais da cidade para o vindeiro ano, o 13 de febreiro, martes de Entroido, e o 24 de xuño, día de San Xoán, foron tamén outro dos puntos aprobados por unanimidade. No apartado de mocións saíron adiante a presentada polo BNG, PP e PSOE para manter o servizo de taxis en Narón e a do BNG para convocar a Mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, ambas por unanimidade. Así mesmo, aprobouse a presentada polo PP para a adquisición dunha parcela lindeira ao CRA de Sedes, para a que TEGA presentou unha enmenda solicitando un compromiso da Xunta para manter operativo o centro nos vindeiros anos, proposición que o PP non aceptou incorporar á moción.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal