Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO COLABOROU COA AGRUPACIÓN VECIÑAL DE SAN MATEO NA APERTURA DA BIBLIOTECA QUE SE INAUGURA ESTE VENRES NO LOCAL SOCIAL DA PARROQUIA
A concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, presentou a iniciativa xunto co secretario da Agrupación Veciñal de San Mateo, Pepe Blanco, e Manuel Piñón, socio da entidade e impulsor da iniciativa
Narón, 18 de outubro de 2023. A biblioteca veciñal de San Mateo abrirá as súas portas á veciñanza este venres, día 20, ás 19.00 horas. Así o anunciaron a concelleira de Bibliotecas de Narón, Olga Ameneiro, o secretario da Agrupación Veciñal de San Mateo, Pepe Blanco, e Manuel Piñón, socio da entidade, moi vencellado á parroquia e encargado de iniciar este proxecto. Manuel Piñón, empregado dunha empresa de xestión de residuos da comarca, comezou hai dúas décadas a rescatar de entre o entullo milleiros de publicacións, das que actualmente unhas 4.000 están xa catalogadas na biblioteca de San Mateo. “Fundamentalmente son novelas, pero tamén hai libros de poesía, teatro, biografías, libros infantís…”, explica. Lembra que o primeiro libro que rescatou foi unha primeira edición da Casa da Troia editada en Bos Aires. “Chamoume a atención e vin que non era unha casualidade que aparecesen entre os cascallos libros de gran valor, aínda que algúns estaban bastante deteriorados, coa axuda e a sensibilidade da empresa puidemos recuperalos nunha zona nas que os limpábamos e almacenábamos”, recorda. Entre as doazóns realizadas a outras entidades e asociacións da zona, chegou o momento de que Piñón contactase coa Agrupación Veciñal de San Mateo, dende onde puxeron a disposición o local e persoal para materializar este importante proxecto. “O obxectivo principal é fomentar a lectura, polo que se deixarán en préstamo os libros como un servizo máis dende a Agrupación Veciñal de San Mateo, que estará aberta ao público nun horario determinado, atendida por unha persoa e á que poderán ir os que o desexen”, explicou. Dende a citada entidade veciñal destacaron o labor e a implicación de Manuel Piñón e a axuda prestada dende o Concello de Narón para que a biblioteca poida comezar a funcionar. Pola súa banda, a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, felicitou á Agrupación Veciñal de San Mateo pola súa boa disposición e, particularmente, a Manuel Piñón, “polo traballo realizado para recuperar tantas publicacións que agora se porán a disposición da veciñanza” e ás persoas que a título particular realizaron tamén doazóns de libros. Así mesmo, a edil naronesa animou á cidadanía a acudir ao acto de presentación das instalacións, este venres, e tamén “a desfrutar da lectura de publicacións que teñen un valor cultural e outro persoal que queremos agradecer tanto a Manuel Piñón como ao resto de persoas que fixeron posible que estes libros non acabasen perdidos entre os entullos”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal