Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
PRETO DE MEDIO MILLEIRO DE ESCOLARES DA CIDADE PARTICIPARÁN NAS ACTIVIDADES DA "III SEMANA DA SEGURIDADE" ORGANIZADA POLO CONCELLO
O concelleiro de Seguridade Cidadá e SPEIS, José Oreona, informou que tamén se oferta un obradoiro aberto á cidadanía en xeral
Narón, 19 de outubro de 2023. Preto de medio milleiro de alumnas e alumnos –en total 482- de catro centros de ensino de educación Secundaria participarán a vindeira semana nos actos da “III Semana da Seguridade”, organizada polo Concello a través do equipo de Educación Viaria de Narón. Así o avanzou o concelleiro de Seguridade Cidadá e SPEIS, José Oreona, que explicou que a programación consistirá nunha serie de actividades entre as que se inclúe algunha proposta dirixida ao público en xeral. No que respecta ao alumnado, escolares de primeiro e segundo curso da ESO dos institutos das Telleiras e Terra de Trasancos e dos colexios Santiago Apóstol e Ayala participarán entre o luns e o venres da vindeira semana, en horario de mañá e por quendas, nas actividades previstas. Durante algo máis de dúas horas as alumnas e alumnos participarán en tres accións: un obradoiro de autoprotección e comportamentos seguros, outro de primeiros auxilios e un terceiro para coñecer o mundo sobre unha cadeira de rodas. As iniciativas levaranse a cabo en tres estacións diferenciadas, que se ubicarán do luns ao mércores (incluídos) no recinto do IES As Telleiras e os dous últimos días, 26 e 27, na praza da Igualdade, na Gándara, para o alumnado deste centro e do Ayala. As sesións darán comezo ás 9.00 horas na primeira quenda e ás 11.30 na segunda. Os grupos dos escolares terán entre 50 e 75 alumnos e permanecerán durante uns 45 minutos en cada unha das estacións. Unha vez alí coñecerán os principios básicos da autoprotección e os comportamentos seguros para actuar en casos de emerxencia (incendios, evacuacións…); outro sobre a conduta PAS (protexer, alertar e socorrer), a técnica de reanimación cardiopulmonar ou a manobra de Heimlich e un terceiro para analizar as diferentes causas polas que unha persoa pode ter que facer uso dunha cadeira de rodas e a práctica nelas para xogar ao baloncesto, a modo de sensibilización sobre o día a día do colectivo. A maiores, tal e como indicou Oreona, programouse un “Obradoiro de primeiros auxilios e autoprotección e comportamentos seguros” que terá lugar o vindeiro venres, día 27, e cun límite de 50 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. A convocatoria realizarase na praza da Igualdade, na Gándara, entre as 11.30 e as 13.30 horas. As accións propostas son as mesmas que as que se impartirán para o alumnado nas xornadas anteriores. As persoas interesadas en participar poden anotarse, facilitando o nome completo e un teléfono de contacto, na oficina do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, no acceso ao Concello, chamando por teléfono aos números: 666 438 222 ou 600 448 730 ou escribindo un correo electrónico á dirección: seguridadevial@naron.gal. “Con actividades como as programadas a vindeira semana, queremos seguir formando á cidadanía e ofrecendo unha serie de coñecementos e ferramentas a través das que poder aplicar uns comportamentos seguros en casos de emerxencia”, recalcou Oreona. O edil naronés informou que, “no caso do alumnado realizaremos tamén especial fincapé nas causas que poden provocar un accidente en estrada e da perigosidade de dos efectos do consumo de alcol e outras substancias”. Oreona animou ás veciñas e veciños da cidade a inscribirse nos obradoiros abertos á veciñanza “cuns contidos adaptados á cidadanía en xeral e moi importantes no caso de ter que enfrontarnos ante algunhas emerxencias e poder axudar ata a chegada de atención sanitaria de profesionais”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal