Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PISTA POLIDEPORTIVA DE DOSO ACOLLERÁ O SÁBADO UNHA NOVA EDICIÓN DA RECREACIÓN DA ESFOLLA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento xunto con Diana Lata, integrante da directiva da AVV "A Naveira", de Doso, e Pepucha Calvo, unha das veciñas da parroquia que elaborará o chocolate que se servirá durante a tarde
Narón, 7 de novembro de 2023. A parroquia de Doso acollerá este sábado a tradicional Recreación da Esfolla, unha cita que terá lugar a partir das 17.00 horas na pista polideportiva. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou esta mañá a convocatoria acompañada por Diana Lata, integrante da directiva da AVV “A Naveira”, de Doso, e Pepucha Calvo, unha das veciñas da parroquia que se encargará de cociñar os preto de 50 litros de chocolate que se servirán, de balde, durante a tarde. A programación prevista dará comezo ás 17.00 horas partirán do rueiro da Braña carros cargados con mazarocas de maínzo. Dirixiranse ata a pista polideportiva de Doso, onde serán recibidos polas persoas que acudan á convocatoria. Baixo unha carpa instalada para a ocasión na pista polideportiva desenvolverase un obradoiro de bonecos de follas de maínzo e haberá unha exposición dos realizados nos centros de ensino da cidade, organizados dende o Padroado da Cultura. Para ambientar a xornada actuarán os grupos do Padroado da Cultura. A continuación, sobre as 18:30 horas, iniciarase a esfolla do maínzo, na que poden participar todas as persoas que o desexen. Un ano máis, organizouse a cuarta edición do “campionato mundial de debagado de maínzo”, tal e como recordaron dende a entidade veciñal, no que os participantes competirán para debagar nun tempo determinado a maior cantidade posible. Outra das propostas da xornada será o concurso de sobremesas, ao que se fai un chamamento especial para a participación tanto da veciñanza da parroquia como de todas as persoas que se acheguen. Poderán levar a sobremesa que desexen para participar na convocatoria, sendo un xurado o que valorará cada unha das elaboracións co fin de outorgalles premios ás que obteñan a maior puntuación. Unha vez valoradas as sobremesas, poderán degustalas todas as persoas que o desexen. Tamén como sobremesa se servirá chocolate quente, elaborado por veciñas de Doso, entre elas Pepucha Calvo, que xunto con outras mulleres se encarga de preparalo “máis de vinte anos”, tal e como ela mesma recorda. Ás 19:15 horas actuará a charanga Alxibeira, para amenizar a convocatoria e ás 20:00 está prevista a entrega dos premios tanto do concurso de sobremesas como do campionato mundial de debagado de maínzo. Finalmente, ás 20:45 horas actuará a formación “Nimbos”. Dende a entidade veciñal e o Concello animaron á cidadanía a acudir á recreación da esfolla en Doso, naqueles casos que o consideren, vestidos con roupas propias do século XX para ambientar esta celebración tradicional dos núcleos rurais. Ferreiro destacou o labor da Asociación de Veciños “A Naveira”, que xunto co Padroado da Cultura continúa apostando por “manter viva esta tradición e transmitila ás diferentes xeracións como parte da nosa historia”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal