Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNS 6.500 ESCOLARES ACUDIRON ESTE ANO ÁS REPRESENTACIÓNS DA "39 MOSTRA DE TEATRO INFANTIL E XUVENIL"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou o éxito desta mostra, dirixida a escolares de Narón e comarca
Narón, 29 de novembro de 2023. A trixésimo novena edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil, organizada polo Padroado da Cultura en colaboración coa Deputación da Coruña, rematou hoxe coa representación que tivo lugar na escola municipal infantil de Piñeiros. As nenas e nenos puideron ver a obra “Nidos”, da compañía vallisoletana “Teloncillo”, que tamén estivo esta semana nas outras dúas escolas infantís municipais, a da Solaina, o luns, e a da Gándara, na xornada de onte. En total, 180 nenas e nenos de 0 a 3 anos puideron ver esta obra. A estas representacións súmanse as programadas este ano e dirixidas a escolares de entre 3 e 18 anos de terceiro e cuarto da ESO, Bacharelato e Ciclos de centros de ensino de Narón e comarca, que se sucederon dende o pasado mes de novembro nas instalacións do Pazo da Cultura e do Auditorio municipal. Cinco compañías máis representaron unha vintena de espectáculos que puideron ver alumnas e alumnos de centros de ensino de Narón, e tamén dos concellos de Ferrol, Fene, Neda, Ares, Mugardos, Moeche, San Sadurniño, Pontedeume, e usuarias e usuarios da asociación de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. A compañía Talía Teatro representou a obra “A parábola do angazo”, Mar Mar Teatro a peza “Un pez en el corazón”, Os náufragos teatro a obra “Hugo”, e Ghazafelhos a obra “Ándale!!! Buen apetito!!!”. “En conxunto, uns 6.500 escolares tiveron a oportunidade de ver unha representación teatral, con obras adaptadas ás súas idades, no que é xa unha proposta cultural moi consolidada no noso concello e que atrae tamén a municipios veciños”, destacou a alcaldesa, Marián Ferreiro. A rexedora local incidiu na importancia de apostar pola cultura e a súa difusión, e fixo especial fincapé no feito de que “esta convocatoria sirve tamén para apoiar o gran traballo que realizan as compañías teatrais galegas, cunha presenza maioritaria sempre nesta mostra teatral e tamén moi presentes nas representacións que ao longo do ano se realizan no Pazo da Cultura a través da programación do Padroado”.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal