Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA ASISTIU AOS TRABALLOS DE LOCALIZACIÓN DUNHA FOXA NO CEMITERIO DO VAL
Marián Ferreiro presenciou os traballos e ofreceu ao equipo que os leva a cabo toda a colaboración do Cocello
Narón, 4 de marzo de 2024. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, desprazouse este mediodía á parroquia do Val, concretamente ao cemiterio, con motivo dos traballos de localización previos a unha posible exhumación prevista nunha foxa común, unha das de maiores dimensións de Galicia, despois da de Serantes (Ferrol), segundo algúns estudos. Estiveron tamén presentes os concelleiros Ibán Santalla e Mar Gómez, que conversaron co equipo que realiza e coordina estes labores. Nesta foxa común poderían estar 51 persoas asasinadas trala sublevación militar de 1936. Concretamente no cemiterio do Val, o 30 de novembro dese mesmo ano foron fusilados dez tripulantes do vapor “Dómine”; o 26 de decembro 32 membros da dotación do acorazado “España” e dous do “Contramestre Casado” e noutras datas outras sete persoas. Veciños de San Mateo, Castro, Pontedeume, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda e Ferrol pero tamén naturais de Santiago, Ourense, Asturias, Barcelona, Santander, Palencia… Mariñeiros maioritariamente, labradores, militantes de partidos políticos… que perderon a súa vida como milleiros de vítimas da represión da Guerra Civil e da ditadura franquista. O antropólogo forense do Imelga presente nos traballos confirmou que segundo as primeiras labores realizadas, os achádegos desta mañá se corresponden con corpos de mulleres, non de homes, e non presentan síntomas de violencia –disparos…- á falta de rematar o labor previsto, que continuará durante esta xornada e en días posteriores. O equipo continuará traballando na zona para avanzar nesta intervención, que presenciaron tamén hoxe algúns veciños da zona, historiadores e familiares das vítimas. “A existencia de fosas comúns é unha triste realidade e as vítimas merecen, como mínimo, unha sepultura digna, un respecto despois duns feitos que nunca deberían ter acontecido”, apuntou Ferreiro, que conversou co persoal que realiza os traballos e destacou a importancia de que se leven a cabo tamén polas familias das vítimas. Antes de abandonar a zona a alcaldesa ofreceu ao equipo que realiza os traballos e aos impulsores dos mesmos todo o apoio e colaboración do Concello de Narón. A Universidade de Santiago e a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática impulsaron a intervención xunto coa Secretaria de Estado de Memoria Democrática, a Xunta de Galicia, o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e o antropólogo forense Fernando Serrulla, a través da equipa “Histagra”.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal