Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADA DE XEITO INICIAL A ORDENANZA PARA REGULAR O ACCESO E USO DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DOS MUÍÑOS INDUSTRIAIS DE XUVIA
Na sesión plenaria acordouse ampliar a delegación á Deputación da Coruña da xestión e recadación do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro
Narón, 27 de marzo de 2024. A sesión plenaria celebrada esta tarde aprobou inicialmente a ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributario polo acceso e utilización do Centro de Interpretación dos muíños industriais de Xuvia. No documento contémplase tanto a visita ou entrada durante o horario preestablecido como a cesión da utilización dos espazos e instalacións sempre que sexan compatibles coa natureza do mesmo. Establecéronse tarifas de acceso e visita cunha entrada xeral por persoa, sendo de balde o 23 de novembro, Día de Narón, e o 18 de maio, Día Internacional dos museos. Haberá redución nestas tarifas no caso de familias numerosas, maiores de 65 anos, titulares do carné xove e persoas con diversidade funcional e/ou dependentes, así como no caso das visitas pedagóxicas guiadas de grupos escolares. En canto á cesión para utilización dos espazos do CIMIX para outros usos, a tarifa será por hora de utilización, habendo tamén exencións para menores de 6 anos e por motivos protocolarios. A ordenanza publicarase no BOP e haberá un prazo de 30 días para que se poidan presentar as suxestións que se consideren oportunas. No pleno acordouse por unanimidade ampliar a delegación na Deputación da Coruña da competencia da xestión, inspección e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro. No apartado de mocións aprobouse a presentada polo PP para a ampliación de servizos para persoas xordas no Concello e outra de melloras de seguridade viaria e servizos na zona de Arriba de Freixeiro, onde xa se están acometendo algunhas das actuacións solicitadas na mesma como un parque biosaudable. O BNG presentou unha moción a prol da recollida de propostas por parte da cidadanía para modificar o regulamento de Participación Cidadá para incluír no Plan Normativo de 2025 ese cambio e abrir un período de consulta pública previa de recollida de propostas para esa modificación que tamén saíu adiante. Así mesmo, aprobouse a presentada polo citado grupo sobre o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), para incluír na ordenanza bonificacións do 50% da cota para rehabilitacións integrais de vivenda habitual en solos con servizos de saneamento e do 95% para aquelas ubicadas en solos sen ese servizo. O PSOE presentou unha moción, que finalmente saíu adiante como declaración institucional, instando á Xunta a reparar con urxencia as deficiencias nas que se atopan as vivendas dos inquilinos e propietarios dos bloques de protección autonómica da rúa Grove, unhas 300 persoas, indican, que sufren “cascadas de auga cada vez que chove”, ocasionándoles problemas nas súas vivendas debido a que a construtora non arranxa o problema. O grupo municipal presentou tamén outra moción, aprobada, reclamando a modificación puntual do PXOM do Concello para adaptalo ao proxecto da Deputación da Coruña para ampliar e mellorar a estrada do Feal, un vial de titularidade provincial. Neste punto dende Terra Galega incidiuse en que a tramitación para realizar esa modificación levaría segundo os técnicos 32,5 meses e denunciaron que o Concello xa realizou unha modificación similar no ano 2010 para que a Deputación mellorase a estrada de San Xiao e 14 anos despois continúa sen actuar. A maiores, instaron aos socialistas a “decir a verdade ás veciñas e veciños”, explicando que “a Lei de Estradas de Galicia, no artigo 8/2013 establece un mecanismo que permite á Deputación presentar o proxecto á Xunta para que o levem ao Consello e en tres meses podería iniciar os traballos na estrada do Feal”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal