A BIBLIOTECA ABRIRÁ MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NA ACTIVIDADE MULTIDISCIPLINAR "DEBATEMOS?"
A edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, informou que é unha proposta dirixida a menores a partir de 5 anos
Narón, 8 de abril de 2024. A Biblioteca municipal abrirá mañá martes o prazo de inscrición na actividade Debatemos?, unha proposta multidisciplinar para nenas e nenos a partir de 5 anos que se levará a cabo este sábado, día 13, ás 11:00 horas nas citadas instalacións municipais. A concelleira responsable desta área, Olga Ameneiro, recordou que as reservas se poden realizar de xeito presencial na Biblioteca ou chamando por teléfono ao número 981 382 173.
Durante a actividade leranse varios contos seleccionados e motivarase aos menores á reflexión a través dun debate por equipos. A actividade representará unha oportunidade única para estimular o pensamento crítico e a imaxinación entre os nenos e nenas mentres se divirten e aprenden.
A filosofía e o debate filosófico poden desenvolver diversas habilidades nos máis pequenos, como o sentido crítico, a creatividade, a concentración, a escoita ou a comunicación. A edil naronesa explicou que co obxectivo de promover e potenciar esas capacidades se desenvolverá esta actividade multidisciplinar, á que animou a inscribirse ás nenas e nenos da cidade.