Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MEDIO CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPARON HOXE NO SIMULACRO DE EMERXENCIAS ANTE POSIBLES CATÁSTROFES REALIZADO EN XUVIA E NA GÁNDARA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Seguridade, José Oreona, estiveron presentes nos operativos
Narón, 9 de abril de 2024. O simulacro de emerxencias realizado esta mañá na desembocadura do río Xuvia e na enseada da Gándara cumpriu os seus obxectivos. A iniciativa enmárcase no proxecto europeo Covalex, a cargo da Universidade da Coruña e a Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, coa colaboración dos concellos de Narón e Ferrol. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e os edís de Seguridade de Narón e Ferrol, José Oreona e Pamen Pieltain, participaron na convocatoria, que contou tamén coa presenza da vicereitora do Campus de Ferrol, Ana Ares, e do xerente do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento, Luis Barca, así como de persoal de Protección Civil de Narón e Ferrol, da Policía Local de Narón, de Axega 112, Cruz Vermella, GES, Salvamento Marítimo e de Urxencias Sanitarias 061. Ao longo da mañá leváronse a cabo os tres simulacros previstos, unha rotura parcial da parede da presa do Rei, que provocou saída incontrolada de auga e unha repentina crecida do río; o rescate dunha persoa atrapada no cauce fluvial e o de parte dos ocupantes dun autobús escolar que supostamente caeu á ría na zona da Gándara. Un posto de mando xunto á enseada da Gándara permitiu controlar parte do o operativo en pantallas instaladas para a ocasión, participando como observadores estudantes de Italia, Austria, Grecia… unhas setenta persoas que tomaron parte nas actividades formativas asociadas a esta iniciativa que levaron a cabo medio centenar de profesionais de diferentes sectores. Ao longo de catro horas e en tres escenarios diferentes, levouse a cabo a iniciativa, “na que se puxeron en marcha unha serie de operativos que permiten comprobar a eficacia dos actuais protocolos dos servizos que terían que intervir antes estes supostos”, apuntou a rexedora local naronesa. Unha vez realizado, analizaranse cada unha das actuacións executadas para ver se a capacidade de resposta ante estas situacións foi a máis efectiva ou se é susceptible dalgunha posible mellora ou de aplicar algunhas innovacións vencelladas a cada unha das actuacións operativas, tal e como indicou Ferreiro. A alcaldesa da cidade agradeceu “o traballo que realizaron todas as persoas que participaron neste simulacro, facendo posible unha acción moi importante de cara ás planificacións e coordinación dos diferentes servizos ante este tipo de incidentes”. Ferreiro incidiu en que “todos e cada un dos e das profesionais que traballan neste ámbito teñen unha entrega e unha vocación que se ve no día a día e que é digna de todo recoñecemento”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal