Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA VALORA A DESMONTAXE DAS LIÑAS DE ALTA TENSIÓN ENTRE NARÓN E A SUBESTACIÓN DE SANTA MARIÑA, EN FERROL
A empresa UFD rematou os traballos, que supuxeron un desembolso de 4,6 millóns de euros
Narón, 17 de abril de 2024. UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, está a finalizar o desmonte das dúas liñas de alta tensión aéreas entre o barrio da Solaina, no Concello de Narón, e a subestación eléctrica de Santa Mariña, en Ferrol. A compañía investiu un total de 4,6 millóns de euros para o desmonte de 9 torres de alta tensión e a eliminación dun tramo de dobre circuíto aéreo de 1.600 metros. Está previsto que os traballos finalicen nas próximas semanas. A actuación tamén incluíu a construción dun novo tramo de liña subterránea de alta tensión de 2.600 m de lonxitude que vén substituír á liña desmontada, e o cal foi posto en servizo o pasado mes de decembro. O delegado de UFD en Galicia, Alberto Suárez, e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, visitaron hoxe os traballos de desmonte, acompañados polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, así como o delegado de UFD na Coruña, Emilio Castro. Esta actuación beneficiará a máis 56.000 veciños de Narón e Ferrol. Para Alberto Suárez, “a construción do novo dobre circuíto subterráneo de alta tensión dá cumprimento ao compromiso adquirido cos veciños da zona, xa que nos permite realizar o desmonte de 9 torres da actual liña aérea, o que supón a eliminación do impacto visual das instalacións eléctricas aéreas entre Narón e Ferrol, e permitirá, ademais, que os veciños recuperen a servidume das súas propiedades”. Para o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, “é importante o acometer actuacións que melloren a rede de distribución para a poboación, e neste caso esa mellora pasa pola eliminación dun tramo aéreo, co que iso conleva, e a súa substitución por un tramo subterráneo, que xera unha menor afección ambiental, especialmente paisaxística”. Ademais, tamén destacou que “resulta esencial investir en rede de transporte e redes de distribución para facer fronte aos novos retos dunha sociedade cada vez máis electrificada, con maiores necesidades de evacuación de enerxía, e que ten que facer fronte a desafíos como o do vehículo eléctrico”. Ao que engadiu “pero se queremos un adecuado desenvolvemento da rede, este débese facer desde criterios de sustentabilidade e integración na contorna”. Para a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, “a execución desta obra suporá unha importante mellora na zona, do impacto visual que representaban estas estruturas, concretamente a de Santa Icía a escasos metros de varios edificios”. Ferreiro lembrou que “o plan de obras da Solaina xa contemplaba esta actuación, moi demandada desde o Consistorio e pola cidadanía e que valoramos que por fin sexa unha realidade”. Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, saudou a eliminación das torretas, “unha demanda histórica dos veciños e veciñas dos barrios de Santa Icía, Santa Mariña e San Xoán, que hoxe ven materializada grazas á finalización do desmonte das mesmas.” Rey Varela fixo alusión á colaboración total entre empresa e administración local para a consecución desta mellora para a cidadanía, que incrementa a súa seguridade e reduce o impacto visual na contorna. Así mesmo, confiou en continuar esta colaboración para executar actuacións similares na cidade departamental. Presenza de UFD na Coruña e en Galicia UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, xestiona na provincia da Coruña máis de 23.000 quilómetros de rede de baixa e media tensión, preto de 10.300 centros de transformación e dá servizo a máis de 715.000 puntos de subministración. En Galicia, dá servizo a case 1,6 millóns de puntos de subministración en 286 municipios das catro provincias galegas, a través dunha rede de 60.300 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión. A distribuidora eléctrica investiu 222 millóns en 2023 na dixitalización e mellora dos seus máis de 60.000 quilómetros de rede en Galicia, o que supón un incremento do 60% con respecto ao ano anterior. Só no últimos cinco anos, o investimento de UFD superou os 723 millóns de euros para reforzar as súas infraestruturas en Galicia, co foco posto na mellora da calidade de servizo aos seus clientes. Estes investimentos centráronse en innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na telemedida e telexestión dos puntos de subministración, no telecontrol e sensorización das redes, así como no robustecimiento das infraestruturas, co obxectivo de integrar o incremento da xeración renovable. O esforzo realizado pola compañía en sensorización e dixitalización das súas infraestruturas permitiu a mellora da calidade do servizo medida a través do tempo de interrupción equivalente á potencia instalada (TIEPI). O indicador que mide a calidade da subministración eléctrica, o tempo de interrupción equivalente á potencia instalada (TIEPI), sinala que a interrupción media do servizo foi de 41,1 minutos durante o ano pasado, cunha mellora do 35% no últimos cinco anos.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal