Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
PRETO DE 1.500 ESCOLARES DE NARÓN, FERROL, FENE E NEDA PARTICIPARON HOXE NA VIXÉSIMO CUARTA EDICIÓN DO CORRELINGUA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Ensino, Olga Ameneiro, participaron na convocatoria
Narón, 6 de maio de 2024. Unha nova edición do Correlingua, a vixésimo cuarta, celebrouse esta mañá no Pazo da Cultura. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, participaron na convocatoria, á que asistiron preto de 1.500 escolares de centros de ensino de Narón, Ferrol, Fene e Neda. Os escolares participantes dividíronse en dúas quendas, comezando a primeira ás 10:00 horas cos centros Virxe do Mar, A Solaina y Semente de Trasancos, e Virxe do Mar, de Narón; Cruceiro de Canido, Esteiro e Ponzos, de Ferrol; e San Isidro, de Neda. A actriz Isabel Risco foi a encargada de presentar a convocatoria, que se iniciou coa lectura do manifesto “Dende aquí até acolá, galego xa!”. A continuación, tivo lugar a actuación de A Gramola Gominola, que interpretou a canción “Superlingua”, gañadora este ano do certame musical Cantalingua, un dos máis veteranos de Galicia. A alcaldesa, Marián Ferreiro dirixiuse aos escolares para darlles a benvida e destacar o feito de que “todas e todos vós desempeñades un papel fundamental para garantir o futuro do galego, unha parte fundamental da nosa cultura e que, como tal, debemos perpetuar no tempo”. A rexedora local sinalou o papel fundamental da CIG Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Sociopegadóxica Galega na organización desta convocatoria. No cambio entre a primeira e a segunda quenda o alumnado e profesorado participou nunha pequena andaina polas inmediacións do Pazo da Cultura. Unha vez rematada, a primeira quenda abandonou o Pazo para coller os autobuses que os levarían de regreso ás aulas e para comezar a entrar os escolares dos colexios Ponte de Xuvia e CRA de Narón; Isaac Peral, Terra de Ferrol, Maciñeira, de Neda, e Os Casais, de Fene. A programación do Correlingua desenvolveuse do mesmo xeito que na anterior. Ao remate da actuación da Gramola Gominola falou a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, que agradeceu a participación dos escolares “nunha iniciativa tan importante para a nosa lingua”. Ameneiro salientou ademais que “é un orgullo ser unha das once localidades galegas onde neste mes de maio se celebra o Correlingua, un evento en defensa da nosa lingua”, e avanzou que “dende Narón seguiremos reivindicando o dereito a medrar en galego, seguiremos comprometidos coa nosa lingua e para iso queremos contar tamén co voso compromiso para que se manteña máis viva que nunca”. No peche do acto falou a secretaria comarcal da CIG Ensino de Ferrol, Antonia Martínez, que se despedía do acto, no que leva traballando moitos anos, pola súa próxima xubilación. Na súa intervención realizou un chamamento ás administracións, aos centros educativos e ao profesorado. “Gustaríame que en todos os colexios, ao entrar, se escoitase o galego en todos lados, voume con esa esperanza”. A presentadora do acto, Isabel Risco, reiterou os agradecementos e o lema do manifesto “Dende aquí até acolá, en galego xa” para dar por rematada esta edición.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal