O Pazo da Cultura acolle a proxección desta película o venres 13 de marzo ás 20:00 horas, con entrada gratuita.
Narón, 10 de Marzo de 2015.- O Concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, participou hoxe na presentación da película “Eternia”, acompañado do presidente da AVV Rosa dos Ventos de Sedes, Miguel Galán, o produtor da cinta e representante do Grupo Taranis, David López, e o protagonista e responsable de Asiera Historia, José Mª Castro.
“Eternia” é unha mediometraxe de 40 minutos de duración, recomendada para público a partires de 13 anos de idade, e que narra a entrada das tropas romanas en Galicia. Foi gravada en distintas localizacións de Narón, coma a Campa Castrexa de Sedes, a Pena Molexa e a costa de O Val, e conta coa participación aproximada de 30 veciños/as de Sedes, que actuaron como extras.
Esta cinta proxectarase o venres 13 de marzo ás 20:00 horas no Pazo da Cultura de Narón, con entrada libre. As invitacións poden retirarse dende este momento nas billeteiras do Pazo da Cultura.
“Eternia” é a primeira produción audiovisual que se realiza en Galicia sobre este tema, e na que se reflexa o enfrontamento das tropas romanas co pobo galego. A mediometraxe está producida polo Grupo Taranis, en colaboración con Cool Films, Mandeo Records e Terra Corpora. Colaboran a AVV Rosa dos Ventos de Sedes e o Padroado de Cultura do Concello de Narón.
Esta película ten unha finalidade cultural e educativa, e carece de subvencións públicas. De feito, foi realizada en menos de 48 horas e con poucos medios, pero con moita ilusión e traballo. Polo de agora, a cinta só pode verse en proxeccións públicas coma a que terá lugar este venres no Pazo da Cultura. Posteriormente, no ano 2016 está previsto que se aloxe en Internet e tamén se entregará unha copia ó fondo cultural da Biblioteca Municipal do Alto.