O CONCELLO E O IES CANIDO ASINAN O CONVENIO PARA UTILIZAR AS INSTALACIÓNS DO CENTRO MUNICIPAL DE FORMACIÓN IRMÁS FROILAZ
Alumnado do módulo de Operacións básicas de restaurante e bar poderá completar parte da súa formación nas instalacións municipais localizadas no polígono da Gándara
Narón, 21 de setembro de 2016. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e Uxío Leira, en representación do IES Canido, asinaron un convenio de colaboración entre a administración local e o citado instituto. A edil de Formación, Natalia Hermida, acudiu tamén á convocatoria, cuxo obxectivo é manter o acordo existente en anos anteriores para que alumnado do IES Canido matriculado no módulo de Operacións básicas de restaurante e bar poida realizar parte da súa formación nas instalacións do Centro Municipal Irmás Froilaz, na Gándara.
O Concello aportará os medios materiais e auxiliares do Centro de Formación Municipal ao entender a necesidade de manter este acordo, debido ao impacto positivo que xenera no alumnado beneficiario do citado módulo formativo.
O convenio entrará en vigor o vindeiro mes de outubro e rematará en decembro deste ano. O alumnado utilizará as instalacións do Centro de Formación Irmás Froilaz de mércores a venres, en horario de mañá, ata completar un total de 210 horas de formación durante un período de 35 días.