Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE 1.200 PERSOAS ACODEN ÁS CLASES IMPARTIDAS NAS ESCOLAS CULTURAIS MUNICIPAIS DO PADROADO
A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou a gran afluencia de alumnado procedente de diversos concellos galegos
Narón, 14 de maio de 2024. Un total de 1.211 persoas acoden neste curso ás clases impartidas a través das Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura. Así o confirmou a alcaldesa da cidade e presidenta do organismo, Marián Ferreiro, que destacou “o éxito de acollida destas escolas, que no seu día foron unha gran aposta do Concello e nas que continuamos traballando para ofrecer ás veciñas e veciños de Narón e doutros puntos da comarca e de Galicia a mellor formación no eido cultural”. A rexedora local destacou que a maior parte do alumnado correspóndese con persoas de Narón e Ferrol, se ben tamén é destacado o número das que veñen de concellos próximos como As Pontes, Cabanas, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, Valdoviño… “Neste curso temos incluso alumnado que aposta por formarse nas Escolas Culturais Municipais de Narón dende A Coruña, Pontevedra, Vilagarcía, Zas, Becerreá, Lugo, Muxía, Bembibre… e outros concellos, o que supón unha gran satisfacción e reafirma a nosa aposta por este tipo de formación”. En relación ao alumnado, a presidenta do Padroado da Cultura indicou que as disciplinas que concentran a maior número de alumnas e alumnos son as de bailes de salón -191 persoas-; canto e pandeireta -175-; baile tradicional -168-; o obradoiro de construción de instrumentos tradicionais -140-; gaita -119- e os obradoiros de teatro -116-. A maiores, no Pazo da Cultura impártense tamén clases de zanfona, acordeón, debuxo, percusión e tamén están a Escola de Formación de Actores e Actrices, unha referencia tamén dentro e fóra de Narón, e O Recuncho dos Pequechos, con actividades para as nenas e nenos de menor idade, a partir de 3 anos. Ferreiro aludiu tamén á importante presenza feminina en determinadas disciplinas. Segundo os datos do Padroado da Cultura, das 192 persoas que acuden ás clases de baile de salón, 145 son mulleres, fronte a 47 homes e no caso de canto e pandeireta, son 165 mulleres fronte a 21 homes. Algo similar sucede no caso de baile tradicional, con 138 alumnas fronte a 30 alumnos. A situación invírtese en disciplinas como o obradoiro de construción de instrumentos, con 105 homes fronte a 35 mulleres como alumnado; acordeón, con 40 homes e 16 mulleres nas aulas; gaita, con 73 homes e 46 mulleres; Máis similar é o número de mulleres e homes nas aulas de clases como a da Escola de Formación de Actores e Actrices, con 32 mulleres e 28 homes, se ben nos obradoiros de teatro acuden 85 mulleres e 31 homes. Ás clases de percusión asisten 20 homes e 16 mulleres; ás de zanfona 22 homes e 15 mulleres; aos obradoiros do Recuncho dos Pequechos 17 nenos e 14 nenas e a debuxo 61 mulleres e 21 homes. “Entre outras áreas, Narón continúa sendo un referente no ámbito cultural, non só pola súa programación, tanto no Pazo como noutros espazos da zona urbana e rural, senón tamén polas escolas municipais”, recalcou a presidenta do Padroado. Así mesmo, Ferreiro destacou “o orgullo que supón ter un Pazo da Cultura cheo de vida” e tamén os éxitos acadados por persoas que se formaron e forman nestas instalacións, hoxe referentes tamén en diversas disciplinas.

<<< Xuño 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20 21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
Eventos do Concello
naron.gal