A páxina, creada no ano 2010, ofrece á veciñanza novos recursos lúdicos e educativos para a crianza de menores en galego
Narón, 23 de maio de 2019. O Concello actualizou recentemente o espazo web Do berce á rúa -https://dobercearua.gal/-, unha páxina lúdico-educativa que aposta polo feito de que as familias incorporen o galego na comunicación familiar dende o primeiro momento. A través desta páxina ofrécense ás familias recursos lúdicos e educativos –contos, xogos, cancións, arrolos…- e outros vencellados á saúde, á crianza…
Con esta última actualización, as persoas que accedan á web Do berce á rúa poderán acceder a novos vídeos sobre arrolos, contos, xogos, cancións, e tamén poderán acceder a un no que se explica como facer un disfrace de árbore, imprimibles con follas e froitos para que os nenos e nenas coñezan árbores autóctonas galegas ou diferentes animacións.
O material ao que se accede a través desta web diríxese principalmente a nenos e nenas de 0 a 6 anos, pero tamén aos mestres e mestras de educación Infantil, que poden utilizala como ferramenta para traballar cos menores nas aulas.
A web Do berce á rúa impulsada polo Concello a través do Servizo de Normalización Lingüística, creouse no ano 2010 e actualízase periodicamente con novos recursos e materiais que van xurdindo, dándolle en todo momento preferencia ao formato audiovisual.