O CONCELLO ABRIRÁ MAÑÁ O PRAZO DE SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS PARA ASOCIACIÓNS E OUTRAS ENTIDADES DE ÁMBITO MUNICIPAL
A tramitación debe realizarse a través da Sede Electrónica do Concello e as entidades beneficiarias deben cumprir unha serie de requisitos
Narón, 8 de xullo de 2019. O Concello de Narón convoca un ano máis as subvencións para asociacións e outras entidades de ámbito municipal, dirixidas a actuacións e programas realizados durante este ano e encamiñadas a promover e dinamizar a participación da cidadanía no tecido asociativo de Narón. A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, anunciou que se poderán solicitar a partir de mañá martes –e durante os vindeiros quince días hábiles, contados a partir de hoxe- coa documentación correspondente a través da Sede Electrónica do Concello.
As asociacións e institucións de carácter social e entidades sen ánimo de lucro que soliciten estas subvencións deben estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás do Concello, ter os seus datos actualizados no momento de presentar a solicitude e xustificadas as axudas ou subvencións concedidas en anos anteriores polo Concello. Así mesmo, deben cumprir o resto de requisitos que se establecen no artigo 3.1 da Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Narón.
As áreas nas que deben traballar as asociacións e entidades solicitantes son: socioeducativa, sociocultural, igualdade, persoas con discapacidade ou drogodependencia, infancia, inmigración, minorías étnicas, atención ás persoas maiores, participación cidadá, mocidade, medioambiental e saúde, tal e como se especifica nas bases.