Os dous cursos, dirixidos á cidadanía e de balde, foron presentados hoxe no Concello polos edís de Promoción Económica, David Pita, e Medio Ambiente, Santiago Galego
Narón, 16 de setembro de 2021. Os edís de Promoción Económica, David Pita, e Medio Ambiente, Santiago Galego, presentaron esta mañá dúas novas accións formativas que se convocan no marco do proxecto “Mergullando”. Esta iniciativa, tal e como recordaron, desenvólvese co apoio do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP) e a Consellería do Mar da Xunta, a través do Grupo de Acción Local del Sector Pesquero Golfo Ártabro Norte. As dúas convocatorias levaranse a cabo nas instalacións do Club de Golf Campomar, no lugar de Vilacornelle (O Val), ao que dende o Concello agradeceron a colaboración.
A primeira das accións é sobre Impulso de creación de empresas no marco dunha economía azul e sostible, o xoves 23 de 16.00 a 20.00 horas. Conceptos básicos do emprendemento, liñas de financiación, xestión empresarial dun negocio, emprendemento… son algúns dos temas que abordará unha persoa licenciada en Dirección e Administración de Empresas.
O segundo curso é sobre Medio Ambiente e Sostibilidade e impartirase o vindeiro día 24 deste mes, de 16.00 a 20.00 horas. Que é a sostibilidade, os requisitos legais medioambientais e pesqueiros, diagnóstico en recursos, procesos, emisións… forman parte dos contidos a tratar nesas catro horas. Unha persoa licenciada en veterinaria, experta en sostibilidade pesqueira, será a encargada de impartir o curso.
As persoas interesadas en acudir deben enviar un correo electrónico á dirección: m.ambiente@naron.es. Os edís naroneses animaron ás veciñas e veciños a participar nestas convocatorias, organizadas polo Concello e de balde.