O CONCELLO E A ASOCIACIÓN PARKINSON FERROLTERRA ASINAN UN CONVENIO EN MATERIA DE ACCIÓN SOCIAL
O acordo permitirá atender a pacientes de Narón, ofrecéndolles atención fisioterapéutica, logopédica e psicolóxica.
Narón, 11 de Novembro de 2014.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o presidente da Asociación Parkinson Ferrol-Ferrolterra, Gerardo González Casal, asinaron hoxe un convenio de colaboración en materia de acción social, acompañados pola concelleira da área, Catalina García.
Con este convenio se axudará económicamente ó desenvolvemento do programa anual desta asociación, que presta servizos de fisioterapia, logopedia, rehabilitación cognitiva, intervención psicolóxica, e ós grupos de axuda mutua, investigación, información e divulgación.
Así, o Concello de Narón realizará unha achega anual de 2.000 euros, e a entidade Parkinson Ferrol-Ferrolterra ofrecerá atención ós veciños deste municipio con esta doenza, nos seguintes ámbitos:
-Servizo de intervención fisioterapéutica
-Servizo de intervención logopédica
-Servizo de rehabilitación cognitiva
-Servizo de intervención psicolóxica
-Grupos de axuda mutua entre familiares, investigación e divulgación das características e contextos xerados pola enfermidade
O presidente de Parkinson Ferrol-Ferrolterra agradeceu ó Concello de Narón “o apoio que nos veñen dando dende sempre, e gustaríame que outros concellos da comarca tivesen a mesma sensibilidade” indicou Gerardo González, recordando a este respecto a celebración do partido de fútbol sala benéfico (celebrado en Narón na primavera) co cal se recadaron outros 500€.
O Alcalde de Narón indicou, pola súa parte, que o Concello está aportando a cantidade que lle é posible e que no ano 2015 manterase a mesma subvención. Asimesmo, a Concelleira de Acción Social fixo un chamamento a outros concellos de Ferrolterra para que colaboren na medida das súas posiblidades, para axudar ó mantemento dunha asociación que aínda que ten utilidade pública, apenas recibe fondos doutras administracións.