Reuníu no Auditorio da Praza de Galicia a escolares de tódolos ciclos formativos dos colexios e institutos de Narón.
Narón, 15 de Maio de 2015.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, clausurou hoxe no Auditorio Municipal da Praza de Galicia a 26ª edición do Certame Intercentros ‘Concello de Narón’, que este ano está adicado á figura homenaxeada nas Letras Galegas 2015: Xosé Filgueira Valverde. Nesta ocasión, o centro organizador foi o IES As Telleiras, que contou co apoio do Concello de Narón (a través dunha partida de 10.000€ para a realización do certame).
O primeiro edil deixou patente que “este certame está máis vivo que nunca” atendendo á elevada participación de estudantes de tódolos ciclos formativos (Educación Infantil, Primaria, ESO, BAC e Ciclos Formativos) que se poden cursar nos centros de ensino de Narón. O Alcalde felicitou ós escolares polos seus traballos e ó profesorado polo apoio prestado nos mesmos.
As modalidades premiadas foron as seguintes: murais, conto e conto ilustrado, poesía, narrativa, cómic, teatro escrito, audiovisual, reportaxe xornalística, expresión oral e canción en galego. Para o vindeiro curso 2015/2016, o XXVII Certame Intercentros do Concello de Narón será organizado polo IES Terra de Trasancos.