O rexedor local e os representantes da entidade analizaron varias iniciativas para impulsar os sectores empresarial e comercial
Narón, 8 de setembro de 2015. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, recibiu no Concello á nova directiva da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), presidida por Cristóbal Dobarro. Á xuntanza acudiron tamén en representación da entidade: José Rilo, vicepresidente; Pablo Rivera, secretario, e Roberto Hermida, vocal. O rexedor local e os empresarios abordaron no encontro asuntos como a necesidade dunha coordinación entre Cofer e as administracións públicas para traballar conxuntamente na defensa do sector industrial e comercial de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
Así mesmo, na convocatoria analizouse a posibilidade de chegar a diferentes acordos que permitan mellorar o actual funcionamento do Plan Ferrol, para que se consolide como un sistema real de axuda aos empresarios da zona.
A coordinación entre as partes implicadas para acadar rebaixas no proceso de venta de chan industrial na comarca foi outro dos asuntos abordados entre os representantes de Cofer e o alcalde naronés. Por último, no encontro incidiuse na necesidade de abordar na Mancomunidade –na que están representados, ademais de Narón e Ferrol, os concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos e Neda- a importancia da coordinación entre o sector e as administracións públicas para traballar nunha mesma liña que permita impulsar o sector e que aposte pola competitividade das industrias asentadas nos diferentes concellos da comarca.
Blanco subliñou a importancia de apostar “polo desenvolvemento do potencial que ofrecen os sectores empresarial e comercial desta zona, no que debe ser unha firme aposta polo mantemento e a creación de postos de traballo ao tratarse dunha comarca moi castigada pola crise económica e que lamentablemente rexistra desde hai varios anos unhas cifras de desemprego moi elevadas”.