O DÚO HUMORÍSTICO FAEMINO E CANSADO PROTAGONIZARÁ A COMEDIA "¡COMO EN CASA NI HABLAR!
O espectáculo desenvolverase o 24 de abril a partir das 19.00 horas no Pazo da Cultura de Narón
Narón, 21 de abril de 2016. A comedia “¡Como en casa ni hablar!” chegará o día 24 de abril ao Pazo da Cultura, co dúo humorístico Faemino e Cansado como protagonista. O espectáculo, dunha hora e media de duración, comezará ás 19.00 horas e o prezo das entradas, xa á venta, é de 20 euros para o público en xeral e 16 para os abonados.
A través dunha serie de parodias os humoristas tentarán de buscar a complicidade e as gargalladas do espectador. Para iso botarán man de historias xurdidas no mundo cotiá, pero sempre abordándoas desde un punto de vista persoal, co que lle darán o seu selo particular a este monólogo, representado xa con éxito noutros escenarios españois. Este coñecido dúo cómico quere facer rir aos espectadores, alomenos, apuntan, en vinte e tres ocasións, para o que utilizarán vinte e seis frases de contido hilarante que pronunciarán durante a representación.