ACTOS DE CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO, DIA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Un centenar de persoas déronse cita na Praza de Galicia para celebrar esta data e reclamar o fin da violencia contra as mulleres.
Narón, 25 de novembro de 2010.- A Praza de Galicia acolleu hoxe os actos organizados pola Marcha Mundial das Mulleres para conmemorar o Dia Internacional contra a Violencia de Xénero. O Concello de Narón sumouse ó manifesto da Marcha Mundial das Mulleres, que leva por título “Recortar recursos é atentar conta a igualdade”. A adhesión a este manifesto foi realizada por maioría, cos votos a favor dos grupos políticos de TEGA, PSOE e BNG, e o voto en contra do PP. Deuse lectura do manifesto no Pleno Ordinario deste mes de novembro, celebrado minutos antes dos actos do 25 de novembro.
O Alcalde de Narón, Jose Manuel Blanco, e a Concelleira de Igualdade, Mª del Carmen Espada, participaron na celebración desta data. As actividades que se realizaron a partires das 20:00 horas, consistiron na lectura dun monólogo por parte de Carmen Louro, a interpretación de dous temas a cargo da cantautora Maite Dacosta, e a realización dunha performance titulada “Recortar recursos é atentar contra a igualdade”. Nesta última actuación colaborou a Asociación Teatral O Aturuxo de Melpómene, formada por antigos/as alumnos/as da Escola de Teatro de Narón.
A Marcha Mundial das Mulleres conmemora o Dia contra a Violencia de Xénero cada ano nun concello distinto, tendo visitado xa Ferrol e Fene, e agora recalou en Narón.