O CONCELLO E A ASOCIACIÓN TERRARENDIBLE ASINAN UN CONVENIO EN MATERIA DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
O consistorio achegará 12.000€ para contribuir ó desenvolvemento sustentable de montes e terras baldías, entre outros obxectivos.
Narón, 29 de Setembro de 2014.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o presidente da Asociación Terrarendible, Juan Luis Casal, asinaron hoxe un convenio de colaboración en materia de Promoción Económica, acompañados polo edil desta área, Pablo Villamar.
A Asociación Terrarendible aglutina na actualidade a 59 socios, propietarios de terreos forestais situados en Narón e comarca. Este convenio contempla a colaboración co Concello de Narón na ordenación e planificación forestal, a través de información e orientación en temas forestais e agrogandeiros.
Asimesmo, ambas partes comprométense a cooperar en todo o referido ó aproveitamento sustentable de montes e terras baldías, e na xestión de masas común para usos forestais ou agrogandeiros. Tamén promoven a cooperación para a localización cartográfica de zonas e fincas susceptibles de utilizar de xeito sostible, mellorando para elo a información planimétrica existente.
O acordo ten unha vixencia de 12 meses, e a achega municipal para acadar estes obxectivos ascende a 12.000 euros.