Foi donado pola Obra Social de "La Caixa" ó Concello de Narón
Narón, 24 de Marzo de 2009.- O Centro Municipal de atención a Persoas Maiores, situado na rúa Illa San Vicente, acolleu hoxe o acto de entrega dun equipo audiovisual cedido pola Obra Social de “La Caixa” ó Concello de Narón, que se porá a disposición dos usuarios deste centro. O novo material está valorado en 5.000 euros, e consta dun ordenador portátil, un proxector con pantalla, unha mesa de mezclas e sonido cos seus correspondentes altavoces, e unha cámara de fotos dixital.
A partires de agora, estos medios técnicos estarán a disposición dos usuarios do Centro de Atención a Maiores de Narón. O Alcalde, Jose Manuel Blanco, sinalou que para o Concello é prioritaria “a mellora da calidade de vida dos nosos veciños, especialmente da mocidade e a terceira idade”, comentou.
O rexedor agarda que os usuarios do Centro de Maiores disfruten do novo material audiovisual, e aproveitou a ocasión para felicitar a estas persoas “pola gran cantidade de actividades que estades realizando aquí”. O programa de actividades que se desenvolven neste espacio inclúe entre outras as seguintes actividades: ximnasia rehabilitadora, psicomotricidade, iniciación á informática, animación á lectura, bailes latinos, revistas e publicacións, exposicións, campionatos de xogos de mesa, ioga, cursos de memoria, cursos de lectoescritura, manualidades e labores, cancións de animación, curso de comunicación, e bailes e festivais.
Pola súa banda, a Concelleira de Persoas Maiores, Mª del Carmen Espada, destacou a importancia de ofrecer dende o Concello “tódolos recursos necesarios para propiciar un envellecemento activo dos nosos maiores. Queremos que esa etapa da súa vida sexa o máis productiva posible, para eles e para o resto da poboación”, dixo.