O MODELO DE XESTIÓN CULTURAL DE NARÓN PRESENTOUSE ONTE NO FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO DE MANIZALES, EN COLOMBIA
O director técnico do Padroado da Cultura, Luciano Fernández, foi o encargado de impartir a ponencia sobre a xestión cultural da cidade
Narón, 30 de setembro de 2021. O director técnico do Padroado da Cultura de Narón, Luciano Fernández, desprazouse esta semana a Colombia para participar na 53 edición do Festival Internacional de Teatro de Manizales, que comezou o pasado día 26 de setembro. Fernández estivo na Universidade de Caldas, na cidade de Manizales, donde onte impartiu unha conferencia á que acudiron técnicos culturais, directores/as de teatros e de festivais de artes escénicas de Colombia, Portugal, Chile, Ecuador e Uruguay. Fernández abordou durante a sesión o modelo de xestión cultural de Narón, que presentou aos asistentes á ponencia, incidindo en que se trata dun modelo de xestión participativa e democrática.
No festival presentáronse catro experiencias, coa de Narón, correspondéndose as tres restantes coas desenvolvidas na República Dominicana, en Uruguay e no País Vasco. Este evento está considerado como un dos encontros máis esperados para os amantes do mundo do teatro, donde se presentan varias obras e tamén as experiencias na área cultural en diferentes países.
A programación do evento inclúe ademais a representación de obras de teatro presenciais, virtuais en vivo, nas rúas e outras abertas con carácter permanente, coa presenza de oito países.