Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APERTURA DO PRAZO DE INSCRICIÓN NUN OBRADOIRO DE LINGUA INGLESA, NO PROGRAMA "NOVOS VALORES" E NOS COROS DA CAPO E PEQUE SOLIDARIUM
As diferentes actividades enmárcanse nas áreas de Ensino e Benestar Social, dirixidas respectivamente por Mercedes Taibo e Catalina García
Narón, 31 de agosto de 2022. O Concello abrirá mañá –e ata o 23 de setembro- o prazo de inscrición en varias actividades extraescolares: de iniciación á lingua inglesa, de reforzo educativo “Novos valores” e dos coros da Capo e “Peque Solidarium”. A edil de Ensino, Mercedes Taibo, e a de Benestar Social, Catalina García, destacaron a ampla oferta de propostas que se programaron un ano máis para o alumnado e as súas familias, aos que anima a anotarse naquelas iniciativas que máis lles interesen do Programa Municipal de Educación Extraescolar (Promedex), que se impartirá dende o vindeiro mes de outubro. Á hora de participar terá preferencia o alumnado de centros públicos da cidade. Os obradoiros de iniciación á lingua inglesa diríxense a alumnado de Infantil e Primaria e abordaranse nos mesmos contidos adaptados ás idades dos escolares, que se dividirán en cinco grupos, dende cuarto de Infantil a sexto de Primaria e cunha duración máxima de dúas horas á semana. Taibo indicou que se ofertan un total de 50 prazas, dez por grupo, e que terán lugar na Casa da Mocidade, na Gándara, ata maio de 2023. As solicitudes poden presentarse na Sede Electrónica do Concello, no Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica de Narón. A actividade ten unha taxa de 8,15 euros ao mes, a estipulada na ordenanza número 15, reguladora dos servizos prestados polo Servizo Sociocomunitario. En canto aos obradoiros de reforzo educativo “Novos Valores”, García explicou que se dirixen a menores de familias vulnerables, que no caso de estar interesados en asistir serán derivados dende o Servizo Sociocomunitario Municipal. Os destinatarios son alumnas e alumnos de centros educativos de Narón, que cursen ESO ou FPBI e ofértanse un total de 16 prazas (un máximo de oito por grupo). A Casa da Mocidade será o lugar no que se impartirán, de outubro a decembro deste ano, os venres de 16.00 a 18.00 e de 18.00 a 20.00 horas, en función do grupo elixido. As solicitudes poden presentarse no Rexistro municipal ata esgotar as prazas dispoñibles. Reforzo dos contidos académicos, interiorización das normas, ocio e hábitos saudables e educación para a igualdade, afectivo-sexual e na diversidade son os contidos que se abordarán nesta actividade, que é de balde. Así mesmo, abrirase mañá o prazo para insciribirse no coro “Peque Solidarium”, con 25 prazas para alumnado de 6 a 12 anos e 20 para o de 13 a 15 e no Coro da Capo, cun total de 30 prazas para xuventude de entre 16 e 35 anos, en ambos casos con preferencia para persoas empadroadas en Narón. O Auditorio municipal será o lugar no que se desenvolverán cada sábado –entre outubro e xuño- as clases, programadas de 13.00 a 14.00 para o Coro da Capo e de 11.00 a 13.00 –en franxas dunha hora- para o Peque Solidarium. Cristina Teijeiro, Graciela Galdo e Olga López serán as encargadas de impartir un ano máis estas sesións, cunha taxa por ordenanza de 8,15 euros ao mes. Para obter máis información sobre estas propostas municipais pódese consultar a web: buscoactividade.naron.es, contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1111, 1108 e 1109).

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal