Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ESCOLA DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ DE NARÓN PRESENTA UN COMPLETO PROGRAMA FORMATIVO PARA ESTE OUTONO
As propostas ofertadas ata finais de ano teñen prazas limitadas, polo que é preciso tramitar previamente a inscrición para poder asistir
Narón, 11 de outubro de 2022. A Escola de Participación Cidadá do Concello de Narón continúa a súa actividade de apoio ao tecido asociativo local e de fomento da participación social, buscando dar resposta ás principais demandas e necesidades detectadas coas entidades do municipio. Para isto, promove un programa de obradoiros e cursos abertos a toda a cidadanía, e ao tecido asociativo en particular. O programa arrancará o vindeiro 26 de outubro co obradoiro “Xestión económica básica para asociacións”, no que se ofrecerán ferramentas ás asociacións para a súa autonomía e autoxestión. A finalidade desta proposta é que poidan mellorar a xestión burocrática ofrecendo formación básica sobre fiscalidade, obrigas administrativas, contabilidade e financiamento. Este primeiro obradoiro terá lugar na aula de informática do Centro Cívico Social do Val, en horario de 16.00 a 20.00. A segunda proposta será o obradoiro “Xerme de participación. Primeiros pasos para a creación dunha asociación”, que terá lugar o vindeiro 7 de novembro. Neste caso está destinado á cidadanía xeral interesada en constituír unha asociación. O seu obxectivo é acompañar e apoiar este desexo con información sobre o procedemento, compartir ferramentas que faciliten os trámites e resolver as dúbidas relativas ao proceso. A sesión terá lugar no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, en horario de 16.00 a 20.00. O programa continuará o 16 de novembro con “Reunións e asembleas. Coidado e desenvolvemento de espazos grupais eficaces”. Este obradoiro ten como obxectivo identificar e capacitar sobre a planificación das reunións, a identificación de necesidades e dificultades das persoas nestes contextos, os elementos que definen os propios espazos de reunións e as metodoloxías e ferramentas que facilitan o seu desenvolvemento. O lugar no que se impartirá é no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, en horario de 16.00 a 20.00. A programación rematará cun curso de seis horas de duración sobre “Introdución á facilitación e xestión de grupos para asociacións”, que se convocou para as tardes dos días 14 e 21 de decembro deste ano. O obxectivo será coñecer o enfoque da facilitación e xestión de grupos como ferramenta de eficiencia das entidades asociativas; identificar elementos a ter en conta para a xestión como os roles, a atmosfera ou os modelos de efectividade grupal; e autoavaliar algún aspecto do funcionamento interno das entidades participantes. Terá lugar no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, en horario de 16.30 a 19.30. A primeira sesión deste programa, sobre “Xestión económica básica para asociacións”, será impartida por Helena Sanmamede Maneiro, formadora con máis de vinte anos de experiencia laboral e profesional na xestión de empresas e especializada na formación de persoas autónomas e entidades da economía social. O resto de formacións serán impartidas por técnicas da Escola de Participación. As prazas destes obradoiros son limitadas, polo que é preciso inscribirse a través do correo electrónico escolaparticipacion@naron.es, podendo tamén facelo ou solicitar máis información sobre os mesmos chamando ao número de teléfono 603 865 413.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal