Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO XA CUMPRE OS OBXECTIVOS MARCADOS PARA 2025 DA NOVA LEI DE RESIDUOS EN CANTO Á PORCENTAXE DE REUTILIZACIÓN, RECICLADO E VALORIZACIÓN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu a implicación e colaboración das veciñas e veciños para acadar estes resultados, que representan un compromiso co coidado do medio ambiente e a economía local
Narón, 9 de febreiro de 2023. Os últimos datos feitos públicos dende a empresa concesionaria do servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Sogama sobre o tratamento de fracción resto e envases, o Concello de Narón xa cumpre na actualidade cos obxectivos marcados para o ano 2025 pola nova Lei de residuos en canto ás porcentaxes de reutilización, reciclado e valorización. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, destacou “o traballo realizado nos últimos anos en materia de concienciación, desenvolvemento de campañas e, sobre todo, a implantación de novos servizos e instalacións que faciliten a tarefa á cidadanía”. A citada lexislación establece varias medidas, entre elas un obxectivo do 55% en peso de reutilización, reciclado e valorización de residuos para o ano 2025 que a día de hoxe, tal e como apuntou a rexedora local, alcanza na cidade o 78%, “unha cifra que supera incluso as indicacións na materia para o ano 2035, que marcan acadar un 65%”. A alcaldesa destacou o importante traballo realizado dende o Consistorio pero tamén “a gran implicación e concienciación das nosas veciñas e veciños, que día a día fan posible incrementar esas porcentaxes que se traducen nunha importante medida medioambiental e tamén nun aforro para as arcas municipais ao evitar ter que tratar maior cantidade de residuos na planta de Sogama”. No último ano, do lixo recollido na cidade, só o 22% do lixo foi a vertedoiro (Sogama), o que sumado ao incremento das cifras de recollida selectiva ofrece un resultado moi positivo para a cidade. Ao longo do pasado ano na cidade recolléronse 12.749 toneladas de residuos resto (bolsa negra); 853 de cartón, 671 de envases, 508 de vidro, e 14 de aceites usados, se ben tamén se contabilizaron 594 de voluminosos e 100 de madeira que foron a parar ás instalacións do Punto Limpo municipal, ubicado no polígono de Río do Pozo. A redución de máis de 500 toneladas de fracción resto o pasado ano con respecto ao exercicio do 2021 suporá un aforro ás arcas locais de 33.000 euros, a maiores do referente ao de emisións en transporte, tratamento e achega ao vertedoiro. Así mesmo, a recollida de envases aumentou en 2022 en 41 toneladas con respecto ao ano 2021 e as 14 toneladas de aceites evitan a contaminación de máis de 15 millóns de litros de auga. A instalación dos puntos limpos de proximidade de Xuvia, O Alto, A Gándara, A Solaina e Piñeiros, nos que se pode depositar roupa e calzado usados, pilas, baterías, fluorescentes, bombillas, tóner de impresora, cedés… facilitan tamén o labor de reciclaxe de residuos na cidade. Ferreiro recalcou o feito de que “actualmente está en proceso avanzado de implantación a recollida de textis que tamén a lei obriga cumprir en 2025 e tamén do contedor marrón, que se instalará en canto sexa posible levar os restos desa quinta fracción á planta de transferencia que a Xunta ten no polígono de Río do Pozo”. Estas dúas actuacións permitirán mellorar aínda máis os índices de reutilización, reciclaxe e valorización, tal e como subliñou a alcaldesa da cidade.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal