Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DESTINARÁ PRETO DE 982.000 EUROS DO POS Á CONSTRUCIÓN DUN CAMPO DE TIRO CON ARCO E MELLORAS NAS INSTALACIÓNS DO SPEIS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, avanzou que ambos investimentos se someterán a aprobación plenaria nunha sesión extraordinaria convocada para o 13 de febreiro
Narón, 11 de febreiro de 2023. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, avanzou que o Concello destinará preto de 982.000 euros do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña a dúas actuacións, a construción do novo campo de tiro con arco no polígono de Río do Pozo e melloras nas instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón. A rexedora local recordou que tanto a proposta de participación no plan provincial como os investimentos se someterán a aprobación plenaria nunha sesión extraordinaria convocada para o vindeiro luns, día 13, ás 9.00 horas no Concello. Ferreiro explicou que á construción do campo de tiro con arco se destinará unha partida de 411.038 euros, con cargo á que se habilitarán unhas instalacións con todos os servizos necesarios para a práctica deste deporte. “Na cidade hai xente que habitualmente practica este deporte e queremos que conten cunhas instalacións axeitadas ás súas necesidades que lles permitan continuar apostando por esta actividade deportiva e, ao mesmo tempo, que tamén outras persoas se animen a practicala”, asegurou Ferreiro, indicando que nas instalacións se poderán programar campionatos a nivel estatal. A alcaldesa explicou que se habilitará nunha parcela municipal, ubicada no polígono de Río do Pozo, na avenida Bernardo Romero, un campo de tiro, unha zona de disparo e unha edificación auxiliar de servizo que disporá de aseos, almacén, vestíbulo e unha zona de recepción, entre outras estancias. “A materialización deste proxecto permitiranos continuar diversificando a oferta deportiva na nosa cidade, neste caso mellorando considerablemente un espazo que ata agora se viña utilizando para a práctica do tiro con arco nesa mesma ubicación”, recalcou. A segunda das actuacións que se acometerá con cargo a fondos provinciais é a mellora das instalacións do Speis no Río do Pozo. Neste caso, tal e como apuntou a alcaldesa, o investimento previsto é de 570.419 euros. “As melloras que se levarán a cabo nestas instalacións afectarán tanto ao exterior da actual construción como ao interior, co fin de que os bombeiros dispoñan dun maior espazo para desenvolver o seu traballo diario e tamén almacenar os vehículos e equipamento deste servizo, que se incrementou considerablemente dende a súa constitución e fai necesaria esta mellora”, asegurou.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal