Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A BIBLIOTECA ACOLLERÁ O 25 DESTE MES UN ACTO DE LECTURA PÚBLICA DA OBRA DE ROSALÍA DE CASTRO
A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, animou ás veciñas e veciños a acudir a este acto e sumarse a esta homenaxe á poetisa galega máis universal
Narón, 17 de febreiro de 2023. O Concello súmase un ano máis á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para homenaxear á poetisa galega Rosalía de Castro. O Día de Rosalía, o vindeiro 23 de febreiro, no que se conmemora o seu nacemento en 1837, terá un acto propio na cidade que consistirá nunha lectura pública da súa obra o día 25 de febreiro ás 12.00 horas na Biblioteca municipal. Así o avanzou a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, que explicou que tamén se entregará un caravel vermello ás persoas que o día 23 leven en préstamo unha obra en lingua galega en calquera dos tres dispositivos bibliotecarios municipais. A planta baixa da Biblioteca será o escenario do acto da lectura pública da obra de Rosalía de Castro, no que participarán a alcaldesa, Marián Ferreiro e a concelleira de Cultura, Olga Ameneiro. No transcurso do acto a mestra Julia Rodríguez, nomeada Muller do Ano en Narón en 2020, será a persoa encargada de ler o manifesto do Día de Rosalía, redactado por Came Adán e que se lerá en todos os actos promovidos pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e outras entidades que se sumen á celebración desta data. O acto está aberto a todas as persoas que desexen participar, que poden levar os seus textos para ler elixidos ou coller algún dos que se seleccionarán e porán a disposición na Biblioteca durante ese día. A maiores, oito librarías da cidade tamén agasallarán cun caravel vermello o día 23 ás persoas que adquiran un libro en galego, participando os establecementos: Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e Pasapáxina. “Recuperamos este acto na súa modalidade presencial despois de dous anos nos que mantivemos esa homenaxe adaptándonos á situación derivada da pandemia, editando uns vídeos que as veciñas e veciños nos fixeron chegar coa lectura de textos de Rosalía”, recordou Taibo. A edil naronesa animou ás veciñas e veciños a acudir a esta convocatoria para rendir un ano máis unha merecida homenaxe á nosa poetisa máis universal.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal