Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ORGANIZA NOVAS VISITAS GUIADAS AO MUÍÑO DE XUVIA ABERTAS Á CIDADANÍA
As persoas que desexen ver os traballos de rehabilitación da construción antes do inicio da musealización poderán facelo o 23 de abril e o 14 de maio, tal e como informou a alcaldesa, Marián Ferreiro
Narón, 20 de abril de 2023. As visitas guiadas ao muíño de Xuvia continuarán esta semana, concretamente o domingo 23 de abril, e programouse tamén outra para maio, o día 14. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, indicou que as convocatorias terán o mesmo formato que as que xa se realizaron ás citadas instalacións durante dúas fins de semana. As visitas programadas para este mes e o de maio serán en ambos casos de mañá e tarde, dende as 10.00 ata as 14.00 horas e de 16.00 a 20.00. “Preto dun milleiro de persoas visitaron xa o interior desta construción, recentemente rehabilitada, e son moitas as persoas que están contactando con nós para poder acceder ao muíño e ver o resultado final dos traballos, polo que decidimos reabrilo novamente nestas dúas datas para que teñan a oportunidade de ver os traballos de rehabilitación deste conxunto patrimonial antes do inicio dos traballos de musealización”, explicou Ferreiro. Dúas guías de turismo oficiais especializadas serán as persoas encargadas de acompañar aos grupos de persoas que accedan á construción, explicándolles a relevancia histórica deste muíño, do século XVIII e tamén avanzándolles información sobre o proceso en curso de musealización das instalacións, no que se investirán uns 240.000 euros. As persoas que desexen asistir terán que achegarse ao exterior da edificación, onde se formarán os grupos que irán entrando por orde de chegada. Unha vez dentro, verán un vídeo no que se resumen os traballos realizados para rehabilitalo, que supuxeron un investimento de 1,5 millóns de euros, recibirán uns dípticos informativos e, posteriormente, iniciarán o percorrido, dunha duración aproximada entre vinte e trinta minutos. A actuación está cofinanciada polo Concello, a Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal