Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NAS ACTIVIDADES DO PROGRAMA MUNICIPAL DE EDUCACIÓN EXTRAESCOLAR (PROMEDEX)
A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, informou sobre as actividades enmarcadas neste programa municipal
Narón, 11 de setembro de 2023. A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, anunciou que o dende hoxe e ata o 29 de setembro está aberto o prazo para anotarse nas actividades extraescolares do Programa Municipal de Educación Extraescolar (Promedex). O programa Promedex diríxese a familias con fillos/as empadroados/as no Concello de Narón ou escolarizados/as en centros de ensino de Narón (Infantil, Primaria e Secundaria), e nas escolas infantís da cidade. Este programa, inclúe as seguintes actividades: - Escola de Familias: A Escola de Familias inclúe contidos relacionados nos centros co manexo de emocións e coaching familiar, o día a día, as estratexias para crear lazos afectivos e temas de debate (sexualidade, acoso escolar, medos infantís…) e nas escolas infantís coas etapas evolutivas dos menores, a crianza respectuosa, autonomía, alimentación e sono, etc. Impartiranse as sesións entre outubro deste ano e xuño de 2024. As sesións serán de dúas horas de duración e un día á semana por grupo, ofertándose 80 prazas. A taxa estipulada por ordenanza é de 8,15 euros por familia. -Obradoiros de reforzo educativo a través das novas tecnoloxías (Reforzatic). Os obradoiros de Reforzatic, tratarán contidos de apoio escolar, educación en habilidades sociais e uso de novas tecnoloxías para obtención e tratamento da información. O alumnado terá a oportunidade de contar cun reforzo educativo da ensinanza que se ofrece nos centros, achegarse ás novas tecnoloxías e coñecer o seu uso responsable e reforzar aqueles casos con maiores dificultades de aprendizaxe en áreas como lingua ou matemáticas. Realizaranse entre os meses de outubro deste ano e maio de 2024 en sesións de dúas horas á semana por grupo, en horario de tarde e na Casa da Mocidade. O número de prazas ofertado é de un total de 42 (sete por grupo), todas elas de balde. Este alumnado deberá ser derivado dos departamentos de orientación dos centros de ensino. -Obradoiros de iniciación á lingua e reforzo académico de inglés: que se impartirán de outubro a maio na Casa da Mocidade para alumnado de infantil e primaria empadroado ou escolarizado en centros da cidade. Neste caso os obradoiros para primaria, serán de unha hora e media un día á semana; os dirixidos a infantil, serán de unha hora, un día á semana ; e no caso de reforzo académico de inglés para quinto e sexto de primaria, un día á semana durante unha hora. -Obradoiros de robótica I e II: para menores de 8 a 11 anos e de 12 a 14, respectivamente, se impartirán de outubro deste ano a maio de 2024 en instalacións municipais. No primeiro caso habilitáronse vinte prazas (para dous grupos) e no segundo un total de dez prazas. En ambos casos achegarase a tecnoloxía ao alumnado dun xeito lúdico, aprendendo a través do xogo diferentes contidos adaptados á súa idade. -Coro da Capo: para rapazas e rapaces de entre 16 e 35 anos e Coro Peque Solidarium, para os de 6 a 15 anos. En ambos casos as sesións levaranse a cabo os sábados no Auditorio municipal, na Praza de Galicia. As solicitudes poden presentarse a través da Sede Electrónica, no Rexistro municipal ou a través de calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Para obter máis información pódese consultar a Sede Electrónica do Concello ou dirixirse ao Servizo Sociocomunitario do Concello, no primeiro andar ou a través do teléfono 981 337 700 (extensións 1122, 1108 e 1109). Tamén na páxina web buscoactividade.naron.es pódese consultar toda a información.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal