Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ORGANIZA OBRADOIROS DE NADAL, RECICLAXE E CONTACONTOS ESTA FIN DE SEMANA E UNHA EXPOSICIÓN
Todas as propostas son de balde, se ben para algunhas delas é precisa inscrición previa
Narón, 11 de decembro de 2023. O Concello organizou varias actividades para esta semana dirixidas a público familiar e infantil. A Biblioteca municipal do Alto e o centro cívico social do Couto acollerán estas propostas, todas elas de balde e que nalgúns casos precisan inscrición previa. As Concellerías de Bibliotecas, dirixida pola edil Olga Ameneiro, e Política Lingüística, á fronte da que está a concelleira María Lorenzo, programaron estas actividades. A primeira das citas será este venres na Biblioteca, onde terá lugar un contacontos para público adulto. “Os contos do fillo da Luca” é o título desta proposta, dirixida a público adulto (maiores de 14 anos) e que dará comezo ás 19:30 horas. Damián Alonso interpretará unha serie de historias recopiladas, máis ou menos coñecidas. O fillo da Luca contará de onde ven, falará da súa infancia e das historias que o marcaron ou fixeron reflexionar ao longo da súa vida. A asistencia ao espectáculo é libre ata completar o aforo da sala. Outra das propostas que acollerá a Biblioteca municipal é un obradoiro de Nadal, este sábado ás 11:00 horas. As nenas e nenos que acudan –a partir de 4 anos- realizarán elementos decorativos do Nadal para os seus fogares, como bolas de Nadal, entre outros. Esta actividade, de balde, precisa inscrición previa, debendo realizala a partir de mañá martes ás 16:00 horas de xeito presencial nas citadas instalacións ou chamando ao número de teléfono 981 382 173. Os participantes, que deberán estar acompañados por unha persoa adulta, teñen que ter o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes. Unha visita á exposición artística “Espacio especial”, de Saila Chao, é outra das iniciativas impulsadas dende o Consistorio. A sala multiusos da planta soto da Biblioteca acolle esta mostra de trinta acuarelas de Saila Chao, veciña de Narón, que se pode ver dende hoxe ata o vindeiro 31 de decembro. O horario de visita é de luns a venres de 17:00 a 20:00 e os sábados de 10:00 a 13:00 horas. Saila Chao, aínda que naceu en Fene, leva unha década vivindo en Narón e, tal e como ela mesma asegura, debuxa dende que ten uso de razón coa intención de levar ao espectador a recoñecer a maxia oculta no cotián. Nos seus máis de vinte anos de experiencia participou en exposicións individuais e colectivas e tamén traballa como monitora de debuxo, pintura e teatro en centros de atención á diversidade e en actividades para todas as idades, o que contribuíu a nutrir a súa obra cunha sensibilidade única. Nos últimos tempos a artista centrouse na acuarela, técnica presente nesta mostra. Na área de Política Lingüística, tamén este sábado se organizou o obradoiro “O gran xogo da recilaxe”. Os destinatarios son nenas e nenos de 6 a 12 anos, un máximo de 15. Durante a actividade, que terá unha duración de hora e media, as familias aprenderán a reciclar, reducindo residuos, diminuíndo o gasto enerxético nos fogares e coñecer a importancia da biodiversidade. As persoas interesadas poden xa inscribirse, enviando un correo electrónico á dirección: a.pita@naron.es, indicando o nome da actividade, o nome da nena ou neno, o nome da nai, pai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. A participación será por estrita orde de inscrición.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal