Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O FESTIVAL ROCK NARÓN E A "XIII XORNADA MOTEIRA SOLIDARIA" CELEBRARANSE O VINDEIRO DÍA 23
A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou as convocatorias acompañada por integrantes do motoclub Fojeteiros
Narón, 11 de decembro de 2023. A praza de Galicia acollerá o día 23 de novembro o tradicional Festival “Rock Narón” organizado polo Concello. A edil de Festas, Mar Gómez, presentou esta mañá o evento, que terá lugar o mesmo día que a “XIII Xornada Moteira Solidaria” que o Consistorio organiza un ano máis co Motoclub Fojeteiros. En representación deste último, estiveron na presentación Paco Galaso, Vanesa Galaso e Fran Paredes, vogais do mesmo, para anunciar a convocatoria xunto coa edil naronesa. A “XIII Xornada Moteira solidaria” dará comezo ás 16:30 horas das inmediacións da Praza de Galicia. A maiores de integrantes do Motoclub Fojeteiros son cada ano centos de persoas, que doutros clubs ou a título particular, se suman a esta convocatoria, acudindo coas súas motos e vestidos de Papá Noel para percorrer algunhas das rúas da cidade. Os participantes sairán cara á Ponte das Cabras e percorrerán tramos das estradas da Gándara e Castela, Camiños da Veiga e Cornido, avenida Conde de Fenosa, e zonas de San Xiao e Xuvia para dirixirse novamente á Praza de Galicia, onde prevén chegar de volta do percorrido sobre as 17:15 horas. “Alí teremos unha chocolatada para a xente que veña á carpa que se instalará na praza e actuará a charanga de Alxibeira e tamén a formación O aghrú das Pepas, amenizando esta xornada moteira”, indicaron dende Fojeteiros. Como é tradicional cada ano, na praza de Galicia habilitarase un espazo no que se poderán doar roupa, xoguetes e alimentos non perecedoiros que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. Dende o Motoclub Fojeteiros indicaron que paralelamente están levando a cabo esta mesma campaña solidaria en colaboración con varios establecementos comerciais da cidade, debidamente sinalizados. Así mesmo, o día 23 pola noite, a partir das 22:00 horas, dará comezo unha nova edición do festival “Rock Narón”, tal e como avanzou Mar Gómez. Actuará baixo a carpa instalada na Praza de Galicia o grupo “La Fuga”, de Cantabria e cunha gran traxectoria musical, que inclúe preto dun milleiro de concertos e dez discos publicados ata a data de rock and roll. No ano 1997 gravaron a súa primeira maqueta, “El Camino”, defendendo en todo momento a validez do directo no rock e como un pretexto para continuar presentándose ante o público. A día de hoxe está considerada como unha das mellores bandas de rock nacional. Gómez avanzou que tamén actuarán neste festival rock outras dúas formacións: Cranio, unha banda de heavy metal integrada por persoas da comarca influenciadas pola música da década dos 80 con letras moi persoais e un sonido actual, tal e como indican. O terceiro grupo que actuará será NoRem (Noites de Rock e Meigas), de música rock e afincados en Miranda de Ebro e creado no 2017, levando o folk galego e celta dende Burgos a diferentes partes do mundo. Gaiteiros, pandereiteiras, percusionistas e cantareiras únense con batería, baixo e guitarra eléctrica dando lugar a un estilo que non deixará indiferente a ninguén. A primeira formación en actuar será Cranio, ás 10:00 horas, para seguir sobre as 11:30 horas con La Fuga, e rematar o festival co concerto de NoRem.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal