Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN APROBOU POR UNANIMIDADE A CONSTITUCIÓN DA MESA LOCAL DE COORDINACIÓN INTERINSTITUCIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Na sesión saíu tamén adiante unha moción para instar á Xunta a mellorar os centros de ensino da cidade, acometendo as actuacións que son da súa competencia
Narón, 28 de decembro de 2023. O Concello acolleu esta mañá, dende as 9:00 horas, o último pleno ordinario deste ano. Durante a sesión aprobouse por unanimidade a constitución da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidirá este órgano, do que tamén formarán parte a edil de Igualdade, persoal do Centro de Información ás Mulleres (cando se cree), dos servizos sociais municipais, da policía local, doutras forzas e corpos de seguridade (Garda Civil, Policía Nacional e autonómica), dos centros educativos e sanitarios, da Subdelegación do Goberno en Galicia, da Xunta e do Colexio de Avogados de Ferrol. Así mesmo, aprobouse inicialmente o proxecto de expropiación de terreos para a conexión viaria exterior CE-1, no sector IV do polígono de Río do Pozo. En concreto, o Consistorio adquirirá unha parcela dunha superficie algo superior a 40.300 metros cadrados por un importe que ronda os 107.000 euros. O proxecto de expropiación permanecerá agora durante un mes a exposición pública. No pleno tamén saíu adiante un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 52.000 euros para o pago de facturas, na súa práctica totalidade, correspondentes ao subministro eléctrico e de exercicios anteriores que a empresa presenta tarde e que segue o proceso de comprobación da Faepac para a súa revisión. No apartado de mocións, o BNG presentou dúas, unha de apoio ao pobo palestino e de esixencia do fin do xenocidio a mans do goberno israelí, esixindo, entre outras medidas, o embargo de armas e a rutura das relacións diplomáticas con Israel, a apertura de corredores humanitarios e o alto ao fogo permanente en Gaza e Cisxordania, así como dos ataques a Siria e o Líbano e ao goberno central e autonómico o envío urxente de material humanitario a Gaza. A segunda, presentada fóra da orde do día, para apoiar o comercio de proximidade e fomentar a compra de produtos galegos. A primeira aprobouse cos votos dos edís de BNG e TEGA e a segunda por unanimidade. Terra Galega presentou tamén unha moción que se aprobou por unanimidade, sobre a dignificación dos profesionais da abogacía e a procura en relación coa quenda de oficio, dereitos laborais básicos e xubilacións, instando ao Goberno de España a promover as modificacións necesarias para garantir unhas remuneracións dignas polo seu traballo, entre outros acordos. Das mocións presentadas polo PP aprobouse por unanimidade a presentada sobre a seguridade dos pasos de peóns na cidade, para continuar avanzando nesta liña de traballo, iniciada hai varios anos e que levou a mellorar a iluminación e sinalización dalgúns dos localizados nos puntos máis transitados da cidade. O PSOE presentou unha moción instando á Xunta a destinar un investimento á ampliación e mellora dos centros educativos de Narón para o vindeiro ano, aprobada co respaldo dos edís do BNG e de TEGA e tras solicitar esta última formación a retirada do punto no que se instaba ao Concello a adoptar medidas legais e orzamentarias para realizar obras de urxencia, ao tratarse dunha competencia da administración autonómica. Así mesmo, aprobouse por unanimidade outra moción dos socialistas para elaborar un Plan da Infancia e un Consello Local de infancia e adolescencia en Narón, complementando ao traballo que se fai nesa liña, como a celebración dos Consellos de Participación Infantil, a adhesión ao proxecto “Ciudad de los niños”, impulsada por Francesco Tonucci no ano 1991, etc.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal