Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA ASINOU COA SUBDELEGADA DO GOBERNO NA CORUÑA E O COMISARIO XEFE DE FERROL-NARÓN O PROTOCOLO DE ADHESIÓN AO SISTEMA VIOGEN
Marián Ferreiro ofreceu a máxima colaboración do Concello para ofrecer axuda e ferramentas ás vítimas de violencia doméstica e de xénero
Narón, 26 de abril de 2024. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade celebrada no Concello e á que tamén acudiron a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas; o comisario xefe da Comisaría de Ferrol-Narón, Javier de Loresecha; a xefa da Unidade da Violencia sobre a muller, Manuela Vilaboy; a vicesecretaria xeral da Delegación do goberno en Galicia, Eva Vázquez, o xefe da Policía Local de Narón, Eduardo Pita, e os voceiros do PP, Germán Castrillón; BNG, Olaia Ledo, e PSOE, Silvia de Arriba. O inspector xefe da Brigada da Policía xudicial de Ferrol-Narón, Salvador Campoy, o inspector xefe da Brigada de Seguridade Cidadá da Comisaría de Ferrol Narón, Mario Penas, e o Comisario provincial da Policía Nacional na Coruña, Fernando Martínez, estiveron tamén presentes na convocatoria. A alcaldesa informou previamente aos asistentes da aprobación no pleno de onte, por unanimidade da corporación local, da proposta de adhesión ao protocolo de colaboración e coordinación entre as forzas e corpos de seguridade do Estado e os da Policía Local para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero; do protocolo de colaboración e coordinación entre as policías nacional e local de Narón para a protección das vítimas de violencia de xénero e doméstica e a solicitude de incorporación do Concello ao sistema VioGen. A continuación, Ferreiro asinou coa subdelegada do Goberno e o Comisario de Ferrol-Narón o protocolo de adhesión ao sistema VioGen para a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero, sumándose así aos concellos da provincia, un total de 22, integrados no citado sistema. No transcurso da convocatoria, o inspector xefe da Brigada da policía xudicial de Ferrol-Narón, Salvador Campoy, informou sobre as plataformas coas que traballan habitualmente a diario, mentres que a xefa da Unidade da violencia sobre a muller resumiu as funcións dos protocolos e os pasos a seguir trala firma do acordo, que pasan por enviar a documentación á Secretaría do Estado en Madrid para continuar cos trámites que levarán a asinar o convenio entre o Ministerio de Interior e o Concello para a incorporación dos axentes indicados ao sistema VioGen. A maiores dos trámites realizados, tamén se avanzou a composición da mesa que formará parte do sistema na cidade, con persoal da Policía Nacional, local, do servizo sociocomunitario, da subdelegación do goberno, entre outros, e que presidirá o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona. Antes de rematar a xuntanza, a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña agradeceu ao Concello “o feito de dar este paso, que é moi importante e algo no que estamos volcados porque é moi importante”. “Cada vez que un concello dá este paso, para nós é unha moi boa nova porque estamos dando pasiños para mellorar”, asegurou Rivas. A alcaldesa destacou tamén a importancia de continuar avanzando nesta área co fin de erradicar esta lacra social e defendendo o traballo conxunto entre administracións. “Dende o Concello de Narón estamos a disposición para todo aquilo no que poidamos colaborar, porque consideramos que é un tema de gran importancia”, recalcou Ferreiro. Finalmente, a rexedora local agradeceu “a oportunidade que se nos brindou e tamén os avances realizados dende esta Xunta Local de Seguridade para poder chegar ata a sinatura deste protocolo, unha ferramenta que nos permitirá traballar cada vez con maior coordinación”.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal