VOLUNTARIOS DAS ONG'S CÁRITAS E DIGNIDAD REMATAN CON ÉXITOS DOUS CURSOS DE FORMACIÓN DO PROGRAMA MUNICIPAL "CAMIÑO DE EMPREGO III"
Recibiron formación en "Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos" e "Nivel básico de prevención de riscos laborais na construción".
Narón, 1 de marzo de 2013.- As Concelleiras de Formación Laboral e Acción Social de Narón, Mª del Mar Gómez e Catalina García, entregaron hoxe os diplomas de dous cursos do programa municipal “Camiño de Emprego III” destinado a ofrecer formación a persoas en situación de desemprego. A particularidade destos cursos é que nesta ocasión foron realizados por voluntarios das ONG’s Dignidad e Cáritas.
Un total de 40 persoas concluíron con éxito os cursos, recibindo así formación en “Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos” e “Nivel básico de prevención de riscos laborais na construción”. Esta formación permitirá ós voluntarios ofrecer servizos no ‘Centro de recursos solidarios de Narón’, que xestionarán as ONG’s Cáritas e Dignidad. Proximamente, dende o Concello tamén se promoverán outros dous cursos dirixidos a este colectivo: Cultura organizativa, e Atención ó Público.
Os cursos que remataron estas persoas están homologados, e teñen un valor no mercado, como formación complementaria e necesaria para atopar determinados empregos.