Un total de 41 persoas en situación de desemprego remataron con éxito os cursos de Agrogandeiría, Iniciación ás Construcións Metálicas e Alfabetización Dixital.
Narón, 21 de Maio de 2013.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Formación Laboral e Emprego, Mª del Mar Gómez, entregaron hoxe os diplomas correspondentes a tres cursos do programa municipal de formación para desempregados Camiño de Emprego III.
En concreto, entregáronse os certificados dos seguintes cursos:
-AGROGANDEIRÍA (do 03-12-2012 ó 15-04-2013). 400 horas de formación e 14 alumn@s.
-INICIACIÓN ÁS CONSTRUCIÓNS METÁLICAS (do 21-12-2012 ó 27-03-2013). 300 horas de formación, e 15 alumn@s.
-ALFABETIZACIÓN DIXITAL (do 13-03-2013 ó 19-03-2013). 25 horas de formación, e 12 alum@s.
O curso de Agrogandeiría dividíuse en cinco módulos formativos:
-Iniciación á silvicultura.
-Medioambiente na agricultura.
-Inserción e emprendemento.
-Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos.
-Alfabetización dixital.
(Falta por desenvolver un módulo de Cría de aves, que se impartirá a estes alumnos/as en vindeiras datas)
O curso de Iniciación ás construcións metálicas constou de tres módulos:
-Nivel básico de prevención na construción.
-Medioambiente no sector naval.
-Inserción e emprendemento.
No curso de Alfabetización dixital, ensináronse os conceptos e terminoloxía de informática básica, sistemas operativos, programas de procesamento de textos e follas de cálculo, navegación por internet e correo electrónico, así coma a busca de información e oportunidades de traballo a través da rede.
Antes de entregar os certificados, o Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, felicitou ós participantes por “ter rematado con éxito os cursos. Nos dende o Concello estamos a apostar pola formación de persoas en situación de desemprego, pero este esforzo debería ser conxunto entre as administracións locais, a Deputación e a Xunta de Galicia, para poder chegar a máis persoas e ofrecer un abanico de posibilidades máis amplo” declarou. O rexedor lamentou que tanto o goberno autonómico coma o provincial “en lugar de investir en novos cursos, faga todo o contrario, reducindo o orzamento en cursos de formación”.
Pola súa banda, a Concelleira de Formación Laboral e Emprego de Narón recalcou a importancia do programa “Camiño de Emprego”, que xa vai pola súa terceira edición e que está financiado de xeito íntegro polo Concello. “O noso obxectivo é poder proporcionar unha formación a persoas en situación de desemprego, para que estean o mellor preparadas posible de cara á busca dun posto de traballo”, indicou María del Mar Gómez.
O Concello de Narón continuará prestando asistencia ás persoas que realizaron estes cursos, a través do Servizo de Orientación Laboral que existe no entrechán do Concello. Dende aí ofreceráselles información sobre os posibles nichos de emprego que poidan xurdir e que encaixen cos perfís dos demandantes, e tamén se lles informará dunha alternativa que estase a revelar coma a máis efectiva: o autoemprego.
Cabe lembrar que case un 70% dos postos de traballo que se crean en Europa son por autoemprego, un porcentaxe que en España é inferior ó 50% (xa sexa a través de autónomos ou de pequenas empresas).