O CEIP DE A SOLAINA ESTREA BIBLIOTECA CON MÁIS DE 8.000 FONDOS LITERARIOS PARA NENOS/AS DE 3 A 12 ANOS
Entrará en servizo o vindeiro curso 2013/2014 e dispón de máis de 75 postos de lectura.
Narón, 17 de Xuño de 2013.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e os representantes dos grupos políticos municipais visitaron hoxe a nova biblioteca do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de A Solaina, onde o rexedor asinou no libro de visitas ilustres.
O novo espazo educativo foi habilitado nunha aula que antes empregábase para Educación Física, e que agora xa non resultaba necesaria posto que o CEIP dispón dun novo pavillón polideportivo.
A Biblioteca dispón aproximadamente de 8.000 volumes, repartidos en tres áreas pintadas de diferentes cores, que se corresponden coa idade dos lectores:
-Área azul: destinada ós primeiros lectores (de 3 a 7 anos de idade)
-Área verde: para lectores medios (de 8 a 10 anos)
-Área vermella: para lectores expertos (de 11 a 12 anos)
Para facer esta clasificación dos fondos bibliotecarios, o equipo de Dinamización da Biblioteca do CEIP de A Solaina está a facer unha catalogación universal (CDU) dos mesmos, para que sexan máis doados de atopar e identificar, tanto para os usuarios coma para o persoal encargado da biblioteca.
Polo de agora, a nova biblioteca está aberta nos recreos pero a partires do vindeiro curso 2013/2014 tamén abrirá os luns, mércores, xoves e venres en horario de 16:30 a 18:00 horas, tanto para nenos/as coma para os seus pais e nais. Tamén está funcionando xa o sistema de préstamo de libros.
O novo espazo ten capacidade para 75 alumnos/as sentados, e dispón ademáis de encerado dixital.