Esta semana desenvolveranse charlas de sensibilización medioambiental nas parroquias do Val, San Xiao e O Couto
Narón, 30 de maio de 2016. O edil de Medio Ambiente, Octavio Dopico, anunciou a celebración de tres novas charlas incluídas na campaña de sensibilización medioambiental “Stop velutina”, promovida pola delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura e na que colabora o Concello de Narón. As sesións desenvolveranse o vindeiro mércores, 1 de xuño, na cooperativa do Val, ás 19.00 horas; o día 2 de xuño na AVV San Xiao, a partir das 20.00 horas, e na AVV do Couto o día 3 de xuño, a partir das 19.30 horas. A convocatoria está aberta ao público en xeral.
Nesta campaña profesionais na materia informan aos asistentes sobre a importancia do trampeo na primavera, ao abordar temas como o comportamento da avespa velutina, os colectivos afectados, a vixianza e control e a colocación de trampas –con demostracións da súa elaboración-.
A delegación de Ferrolterra da AGA dará por finalizada a campaña tras estas charlas, que se realizaron xa noutras entidades do municipio e concellos da comarca. Desde o colectivo explican que agora comezará un programa formativo e de investigación, con cursos e talleres no primeiro dos casos e con trampas e novos métodos de destrución de niños no segundo.